Continental

O CeMAC celebra as súas xornadas baixo o título “Vintecinco anos de presente”

Hoxe martes 15 de xullo iníciase en Celanova o XI Curso de Verán de Extensión Universitaria Audiovisual en Galicia que este ano leva o título: “Vintecinco anos de presente” en referencia á estrea en 1989 dos filmes “Continental”, “Urxa” e “Sempre Xonxa”. O CeMAC, Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, está promovido pola Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova e a Deputación Provincial de Ourense e dirixido polo Crítico de de Cine e TV Miguel Anxo Fernández. E este ano celebra a efeméride coa proxección destes tres filmes ademáis dunha programación nutrida de producións do panorama actual galego en toda a súa diversidade.

A primeira das xornadas que se celebrará hoxe martes contará coas proxeccións do documental “Asolagados” de David Vázquez, a curtametraxe “Idiotas” de Fran Estévez, o spot “Estrella Galicia. Feliz 2013” de Tomás Conde e Virginia Curia e finalmente o filme de Chano Piñeiro “Sempre Xonxa”.
Na xornada do mércores teremos unha nutrida representación de CREA. A xornada de proxeccións comezará cun espazo para as webseries no que estará o noso socio Pablo Cacheda presentando “Clases de lo social”. Igualmente presentarase a 2ª tempada da webserie “Fame” dirixida por Anxos Fazáns.
Seguidamente, o noso socio Jorge Algora presentará o seu filme “Inevitable” como modelo de coprodución internacional. Na xornada de tarde, Carlos Ares presentará a sitcom “Era visto” e a continuación o noso compañeiro Juan Galiñanes fará o propio coa súa curta “3-1=0”. Posteriormente poderán verse o filme “O quinto evanxeo de Gaspar Hauser” de Alberto Gracia, gañador do premio Fipresci no Festival de Rotterdam e “Birdboy” de Alberto Vázquez gañador do Goya á mellor curtametraxe de animación. A sesión pecharase coa proxección de “Urxa” de Carlos Aurelio López Piñeiro e Alfredo G. Pinal.
A xornada do xoves iniciarase co filme do noso socio Alex Sampayo “Schimbare”. Continuará con “Toñito Blanco, sólo, perdido y vicioso” de Nico Campos e “La matanza canibal de los garrulos lisérgicos” de Toñito Blanco. Proseguirá co filme do noso socio Alfonso Zarauza “Encallados” e a longametraxe documental “Los Increibles” de David Valero e pecharase coa proxección de “Continental” do noso socio Xavier Villaverde.
A xornada do venres estará reservada a mesas redondas, entre elas unha adicada ós directores dos filmes homenaxeados e que contará coa presencia de Xavier Villaverde, Carlos López Piñeiro e Alfredo G. Pinal.

 

Horarios e programación do curso aquí.

Compartir