apostolo crea

“O Apóstolo” de Fernando Cortizo Melhor Longa-Metragem no Anima Mundi de Río

Pasaron xa máis de 2 anos desde que a produtora galega Artefacto presentase o seu filme “O Apóstolo” dirixido polo noso socio Fernando Cortizo e desde esa o filme non para de recibir galardóns e de acumular seleccións en Festivais. O último deles chegou a pasado 2 de agosto cando o filme acadou o Premio á Melhor Longa-Metragem escollida polo xurado popular na pasada edición do Anima Mundi 2014 de Rio de Janeiro.

Un filme que destaca pola súa acollida entre o público.

Esta non é a primeira vez na que “O Apóstolo” acada un premio outorgado por un xurado popular. Se algo destaca na traxectoria do filme é precisamente a gran aceptación que acada entre o público. O máximo expoñente desta gran acollida foi o Audience Award que recibiu na edición 2013 do festival de Annecy, un dos festivais de animación máis importantes do mundo, e que conta igualmente cunha audiencia acostumada a recibir a mellor animación do panorama internacional. Pero este non é o único caso. “O Apóstolo” acadou tamén o premio do público no One Night of Fear 2013 e no Monstra 2013.

Intenso percorrido por Festivais de todo o mundo.

A traxectoria do filme é das máis descatacas en canto a percorridos por festivais de toda a cinematografía galega. “O Apóstolo” puido verse en varias citas de clase A como o Festival de Moscova ou Sitges, pero ó mesmo tempo acumulou importantes galardóns como o Premio á mellor película en Expotoons 2012, o Premio especial do xurado en Fantasporto 2012, Ó mellor Filme no WFAF de Varna (Bulgaria), o de Mellor filme de animación no Festival de Monterrey 2013, e o Mellor filme no Festival Horizontes de Marsella 2012 ademáis de 6 premios Mestre Mateo, a Nominación ós Goya na categoría de Mellor Filme de Animación e de acumular selecións en máis dunha ducia de festivais máis entre os que destacan citas como o Festival de Málaga. O Premio no Anima Mundi súmase á brillante traxectoria dun filme que co paso do tempo está a convertirse nun dos referentes indiscutibles da animación galega.

Compartir