titeres1

Non somos títeres

Hai xa uns días que se produciu a detención dos titiriteiros da compañía teatral “Títeres desde abajo” e a súa excarceración despois de que se lles decretase prisión provisional por un presunto delito de “enaltecemento do terrorismo” por amosar unha pancarta na cal se podía ler “Gora Alka-Eta” no transcurso da súa obra “La bruja y Don Cristóbal”.
Desde CREA, sumámonos a un comunicado colectivo xunto a outras asociacións profesionais, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE), Unión Internacional de Marionetistas-Galicia (UNIMA Galicia),nos solidarizábamos coa situación duns compañeiros que, se ben hoxe están excarcerados, seguen acusados dun delito que pode supoñer ata 8 anos de prisión.
Pese á perda de presenza do caso na actualidade informativa trala posta en liberdade dos dous titiriteiros, Raúl García e Alfonso Lázaro, o que ven acontecendo en días posteriores e nos últimos anos no conxunto do Estado, invita, cando menos, a que tanto os colectivos de creador@s como a sociedade en xeral, fagamos un mínimo exercicio de reflexión sobre o que deberíamos considerar un dos nosos máis prezados dereitos: o dereito á liberdade de expresión.

A liberdade de expresión e presuntos delitos

A liberdade de expresión está recollida como un dos dereitos fundamentais na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. A vulneración da liberdade de expresión implica, por tanto, unha vulneración de dita declaración dos Dereitos humanos.
A liberdade de expresión refírese á liberdade de difusión de ideas e dela emanan tanto a liberdade de opinión, como a liberdade de prensa.
En España, a liberdade de expresión xa se atopa delimitada polos dereitos fundamentais da persoa é dicir, o dereito ó honor, á intimidade e á propia imaxe. Isto significa que nin insultos, nin inxurias nin calumnias están amparados pola liberdade de expresión, sen que isto sexa incompatible co dereito á “denuncia” ou a “parodia”.
Cabe sinalar que o dereito á liberdade de expresión inclúe o “dereito ó disenso”. É dicir, contempla que tanto unha determinada mensaxe como a súa mensaxe contraria teñen o dereito a ser difundidas.
Á súa vez non podemos considerar a liberdade de expresión como exclusiva de quen emite unha determinada mensaxe senón que temos que contemplar igualmente o noso dereito a recibir esa mensaxe.
Somos libres na medida en que podemos recibir todo tipo de exprensións favorables e contrarias de tal maneira que poidamos escoller a postura coa que nos identificamos.
O caso do “enaltecemento do terrorismo” supón en si mesmo un límite á libertade de expresión pero que está contemplado como delito dentro do Código Penal. Existen varios artigos do Código Penal que fan alusión a este tipo de delitos. O primeiro é o Artigo 18 que se refire ós delitos de “apoloxía” (termo substituído posteriormente por “enaltecemento”). Entendemos por “Apoloxía”: “provocación ou incitación directa a cometer un delito”. A maiores dos delictos de “Apoloxía” o Código Penal recolle outros 2 delitos relaccionados, “Enaltecemento do terrorismo” e “Menosprezo ou humillación ás victimas do terrorismo” (Engadido posteriormente na Lei Orgánica Lei Orgánica 7/2000) que aparecen recollidos no Artigo 578. Estes delitos aparecen redactados no Código Penal do seguinte xeito: “Enaltecemento ou xustificación por calquera medio de expresión pública ou difusión dos delitos contemplados nos artigos 571 a 577 (terrorismo)”, así como “realización de actos que conleven descrédito, menosprezo ou humillación das víctimas de terrorismo e dos seus familiares”.
Do mesmo xeito, cómpre sinalar que para que unha determinada expresión sexa condiderada como “enaltecemento” non basta con que se exprese unha “loa” ao terrorismo senón que é preciso que exista un “ánimo de facer esa loa” por parte do emisor da mensaxe. Este matiz resulta trascendente para diferenciar que expresións poden ser consideradas delito e cales non. Por poñer exemplos, cando nos informativos se reproduciu o lema da pancarta “Gora Alka-Eta”, en ningún caso se pode considerar delito, xa que o “ánimo” é de informar. Do mesmo xeito, existe unha enorme cantidade de contidos que van desde filmes de ficción como “Operación Ogro” de Gillo Pontecorvo, “Días contados” de Imanol Uribe, “Yoyes” de Helena Taberna, ou documentais como “La pelota vasca” de Julio Médem, ata programas de televisión como “Vaya Semanita” ou recentemente “Salvados”, que abordaron temáticas relativas á organización terrorista ETA e ao seu entorno, sen que poidan ser acusadas de “enaltecemento do terrorismo” xa que o seu ánimo non é nin a “incitación”, nin a “xustificación”, nin o “menosprezo das víctimas”.
Outro dos delitos que se lles imputan aos titiriteiros é o de “incitación ao odio”, delito este regulado no Artigo 510 do Código penal, recentemente modificado e cunha nova normativa que entrou en vigor o pasado 1 de xullo de 2015. O que se contempla como delito neste caso é ata 4 anos de prisión para aqueles que “fomenten, promovan ou inciten directa ou indirectamente ao odio”, “distribúan, difundan ou vendan escritos ou calquera outro tipo de material ou soportes que, polo seu contido, sexan idóneos para fomentar, promover ou incitar directa ou indirectamente ó odio, humillación, discriminación ou violencia”, “publicamente neguen, trivialicen gravemente ou enaltezan os delitos de xenocidio, de lesa humanidade ou contra persoas e bens protexidos en caso de conflicto armado”.
A ambigüedade desta definición é máis que evidente, e de igual maneira resulta evidente que existe un choque frontal entre o que contempla como delito o Código penal recén reformado e a nosa liberdade de expresión.
Conceptos como “promover directa ou indirectamente ó odio”, e outros que aparecen no actual Código penal, son esencialmente abstractos e invitan a unha consideración subxetiva de quen o interpreta. Así como tódolos cidadáns temos un único criterio para identificar delitos como “roubar” ou “asasinar”, resulta obvio que non todos amosamos o mesmo criterio para considerar que mensaxes ou que materiais son subsceptibles de “incitar ó odio”, por tanto calquera decisión tomada ó respecto está condenada a aparecer, a ollos de persoas e colectivos, como “inxusta” e/ou “arbitraria”.
É máis, con estes criterios podemos chegar mesmo á contradición de equiparar a quen comete un “delito de odio” con quen difunde unha mensaxe que poida ser susceptible de ser considerada “incitadora de odio”.
Volvemos a ter que xulgar o “ánimo de”. A gran diferenza é que, se no caso do enaltecemento do terrorismo, o nivel de concreción pode axudar a identificar máis claramente cando existe unha intención de loar o terrorismo (non sempre é doado), o grao de abstracción á hora de definir que pode “provocarnos odio” fai que sexa humanamente imposible identificar se un emisor obra con ánimo de provocalo.

O caso dos titiriteiros

Na obra “La bruja y Don Cristobal”, uns policías colocan unha pancarta co lema “Gora Alka-ETA” como proba para incriminar á protagonista da obra nun delito que non cometeu. A mensaxe desta secuencia resulta obvia: satirizar a labor policial.
Non se trata dunha mensaxe críptica nin dunha situación que poida someterse a múltiples interpretacións; a mensaxe é clara é unívoca. A obra denuncia unha “criminalización interesada” dun individuo e, paradoxicamente, os seus autores rematan sendo víctimas dunha “criminalización” (non entramos a xulgar se máis ou menos interesada) por parte dos poderes ós que satiriza.
Atendendo a esta secuencia como xerme do conflicto, semella evidente que en ningún caso existe ánimo de “enaltecer o terrorismo”. Agora ben, dado que a obra cuestiona os mecanismos do poder e coloca as forzas de seguridade, e as distintas institucións do Estado, como entes represores do individuo, pode ser delito de “incitación ó odio”? E quen pode dicir que non?
Polas mesmas, que varios furgóns policiais irrompan nunha representación teatral diante de nenos e prendan os autores da obra, sen máis indicio de delito que o testemuño dun denunciante, pode “incitar ó odio”?
Igualmente, que medios de comunicación lancen a mensaxe de que dous titiriteiros estiveron enaltecendo o terrorismo e menosprezando ás víctimas, pode “incitar ó odio”?
Que representantes públicos -entre eles ministros- descualifiquen a obra de dous titiriteiros (sen tela visto) e a sinalen como susceptible de cometer uns delitos aínda non xulgados, pode “incitar ó odio”?
Quen ten a facultade de decidir que mensaxes son susceptibles de provocarnos odio e cales non? E o que é máis importante: en que tipo de sociedade queremos vivir? Queremos vivir nunha sociedade na cal teñamos a seguridade de poder expresar a nosa opinión libremente coa plena seguridade de que non imos ser xulgados penalmente? Ou, polo contrario, o que queremos é vivir nunha sociedade na cal as mensaxes que se expresen poidan ser xulgadas en función da posible repercusión que poidan ter estas en terceiros?A maiores, cómpre recordar que os presuntos delitos que se lle atribúen ós titiriteiros, foron realizados no contexto dunha obra de ficción. A ficción non constitúe realidade ningunha, senón que é unha representación da mesma; unhas veces máis esaxerada, outras buscando un ton máis realista, pero en todo caso unha representación. Por tanto, calquera dos delitos que poidan aparecer nunha obra de ficción non son delitos reais senón que son representación de delitos.
No caso da obra “La bruja y Don Cristobal” non só se está a xulgar a liberdade de difundir determinadas mensaxes, senón que ademáis estase a xulgar como “delito” a “representación do delito”.
Do mesmo modo, cómpre recordar que tanto neste como en casos que veremos posteriormente, estase a confundir autor, narrador e personaxe coma se se tratase dunha mesma persoa. Algo que carece totalmente de sentido.

Os contidos para nenos

Non xulgaremos se o contido da obra “La bruja y Don Cristobal” resulta ou non apropiada para o público infantil. Non vimos a obra e nin podemos, nin é o noso cometido clasificar o rango de idade apropiado para un contido concreto.
En todo caso, si que é preciso puntualizar unha serie de cuestións antes de facer xuízos precipitados sobre a obra:
En España non existen contidos que estean prohibidos para o público infantil. O que existe é un sistema de cualificación por idades que establece cando un contido non é apropiado para o público dunha determinada idade. Este sistema non ten que ver coa prohibición senón coa recomendación. Decidir se un contido pode ser visto ou non por un neno é algo que lles corresponde ós seus proxenitores ou titores legais.
Os “títeres de cachiporra” proceden dunha tradición secular europea. Cada país ten os seus propios personaxes. A temática recorrente destas representacións é case sempre a mesma: a liberdade popular fronte ó poder establecido e, igualmente, fronte a poderes económicos. Normalmente a pretensión deste tipo de obras é a burla ó poder a través de historias extremadamente esaxeradas, en moitos casos absurdas e con clara intención cómica. Neste tipo de obras é común ver bromas enxeñosas, así como personaxes grotescos e un nivel de violencia que, por esaxerado, resulta absurdo e cómico. A “violencia” como tal sempre está presente neste tipo de obras cun sentido metafórico. Así cando aparece, por exemplo, un xuíz, o personaxe do xuíz non é un personaxe concreto senón que se trata dunha representación do poder xudicial encarnada no personaxe do xuíz. As historias dos “títeres de cachiporra” procuran sempre un dobre sentido que é o que provoca a comicidade. Na tradición española o principal expoñente é Federico García Lorca. O propio Lorca referíase ó seu “Don Cristobal” como “programa de fiestas para niños”. O feito de que Lorca cualifique como “para niños” a súa obra ten unha clara intencionalidade que ten que ver con dous niveis distintos de discurso. Existe un nivel básico de información no cal vemos a personaxes delirantes pegándose de maneira cómica e con roles moi definidos: “o bo”, “os malos”, etc. Noutro nivel de comprensión, o que vemos é unha trama na cal se satiriza o poder. Estes distintos niveis de información funcionan de tal maneira que un neno, sen comprender a trama, pode divertirse cos delirantes personaxes, mentres que os adultos se divirten pola sátira ó poder representada na obra.
Por poñer un exemplo doutra clase, hai uns anos o debuxante Ibáñez -creador de Mortadelo y Filemón- falaba dunha das súas viñetas na cal aparecía unha caricatura de Felipe González recibindo un tartazo. Segundo Ibáñez, os adultos rían pola representación de Felipe González, mentres que os nenos rían do tartazo. Os “títeres de cachiporra” funcionan dunha maneira similar.
Así mesmo, non debemos esquecer (volvemos a incidir en que non estamos cuestionando o feito de se “La bruja y Don Cristóbal” é apropiada para nenos, senón aportando elementos de xuízo a este caso), que directa ou indirectamente a violencia está presente en infinidade de contidos infantís. Chega con analizar os contos clásicos, desde “Carrapuchiña vermella” ata os “Tres porquiños” para decatarnos de que, analizados desde unha perspectiva adulta, inclúen tramas de violencia que actúan, en parte, como unha fase máis do desenvolvemento educativo dos cativos. O mesmo pasa en fases posteriores da aprendizaxe. Os clásicos de autores como Michael Ende ou Roald Dahl -mestres da literatura infantil e xuvenil-, inclúen nas súas historias tramas que extraídas do seu contexto orixinal poden ser consideradas violentas. A clave nestes casos é como se presenta formalmente esa violencia dentro dos relatos. Non é o mesmo o ton dunha fábula clásica có ton cómico dos títeres, ou o dun relato de terror. Estas diferenzas formais son as que condicionan que un relato poida ser ou non apropiado para os nenos, moito máis ca un posible argumento ou unha historia.

Casos derivados

O caso de “La bruja y Don Cristobal”, lonxe de ser un caso puntual e aillado rematou por provocar un efecto de bola de neve que se mafifestou nos días posteriores á detención dos titiriteiros, coincidindo coa celebración do Entroido. E é que se o ocorrido en Madrid pode ser considerado como “delito”, tódalas manifestacións similares tamén o poden ser. Só así podemos explicar os seguintes casos (son verídicos):

Resulta evidente que en ningún destes casos os identificados pola policía tiñan ánimo de loar á organización terrorista, senón que estaban a facer mofa da actuación da xustiza no caso dos titiriteiros.
Sen embargo, o caso máis grave derivado do acontecido en Madrid rexistrábase en Cádiz:

Neste caso, a policía actúa de maneira preventiva, dando por sentado que os disfraces e pancartas que porta unha chirigota no medio das festas de entroido poden ser constitutivos de delito e realizan un rexistro do seu camerino baseandose nas súas propias suposicións. Así mesmo, advertiuse á chirigota de que a letra do seu pasarrúas podería ser constitutivo de delito (tamén é verídico).

Censura ou conflicto entre a liberdade de expresión e o código penal.

Sen entrar a valorar o contido das obras nin o seu mellor ou peor gusto, nos últimos anos estamos asistindo a unha sucesión de casos nos cales o exercicio da liberdade de expresión derivou en denuncia e, ocasionalmente, en xuízo posterior.
Estes son algúns dos casos máis representativos que teñen a autores e distintas manifestacións artísticas como protagonistas:

Estes casos son só unha mostra de un bo feixe que se veñen producindo cada vez con máis asiduidade no noso país. Entre os casos citados só existen dúas condenas: a xa referida do rapeiro Pablo Hásel e a da revista El jueves (o caso de Abel Azcona aínda non está resolto). Sen embargo, pese a que as causas se arquiven, o simple feito da xudicialización de determinadas mensaxes constitúe en si mesmo un ataque á liberdade de expresión, xa que o risco de vernos mesturados nunha causa xudicial produce, irremediablemente, autocensura e represión da nosa opinión polo medo e o poder intimidatorio que nos produce a posibilidade de vernos “investigados” (AKA “Imputados”).

As redes sociais

Un dos grandes territorios de conflicto da liberdade de expresión nos nosos días atópase en internet e, en concreto, no terreo das redes sociais; con especial énfase en Twitter.
Entre os principais problemas está o de que cando falamos de lei, ou de norma, ou de xustiza, estamos a referirnos a convencións sociais aceptadas. Así, entendemos que unha conducta é ou non delictiva, en función da consideración social que temos sobre esa conducta e sobre a cal se formulan as leis e as normas. A xustiza en si mesma é unha maneira de aplicar un castigo proporcionado a unha conducta que como sociedade consideramos lesiva para os intereses comúns.
O que acontece coas redes sociais é que non existe “convención”. Existe unha serie de prácticas e unha serie de normas non escritas, asumidas polos usuarios e que emanan da propia utilización das redes, non de ningún consenso colectivo que regule as conductas nas redes. Por esta razón, cando se emiten xuízos sobre o que acontece nas redes sociais, que derivan en responsabilidades penais, o que se está a facer é xulgar conductas nas redes con criterios que non se corresponden coa natureza, co uso e coa convención existente nas redes. Dito doutra maneira, xulgamos un fenómeno “novo” cun criterio “vello”.
Nós non podemos entrar a valorar a idoneidade, gusto ou corrección do que se publica nas redes sociais, pero entendemos que, antes de efectuar calquera tipo de xuízo de valor sobre os mesmos, hai que ter en conta unha serie de consideracións:

  • O Contexto efémero variable. Como herdeiros da comunicación previa a internet, estamos afeitos a contextos de comunicación ríxidos e a un tipo de comunicación unidireccional. Hai un emisor que lanza unha mensaxe e un, ou unha serie de receptores X, que a reciben. Esta mensaxe ve condicionado o seu significado polo medio e o contexto no cal se reproduce. Así, asumimos que algo que está publicado na prensa ten pretensións maioritariamente informativas e asumimos a súa veracidade pola credibilidade do medio que as publica. Cando falamos das redes sociais este concepto ráchase por completo. Un mesmo emisor manifesta intencións moi dispares en moi breve espacio de tempo. Nunha mesma conta pode pretender informar, crear, denunciar, queixarse ou simplemente divagar. Ó mesmo tempo, o propio medio no cal se manifesta varía entre distintas “tendencias” que inducen ó usuario a manifestarse de maneiras moi dispares e con intencións moi distintas. En poucas horas as tendencias mudan e quedamos sen acceso ó contexto no cal se manifestaron determinadas mensaxes; por tanto, perdemos a capacidade de comprender as mesmas na súa totalidade. Esta incapacidade de contextualización agrávase en Twitter. O feito de que a ferramenta admita exclusivamente 140 caracteres provoca que os usuarios non contextualicen o motivo das súas mensaxes e que, por tanto, ó cabo dun non moi longo espazo de tempo, a súa completa comprensión resulte imposible. Así, moitas das mensaxes que se poden ler en Twitter responden a estados de ánimo puntuais dos seus usuarios, que veñen xerados por contextos circunstanciais totalmente alleos a Twitter e non sempre por unha intención deliberada de manifestarse nun determinado sentido.
  • O Código e o receptor indefinido. Sobre o papel, cando alguén se comunica dentro dunha rede social, os destinatarios directos das súas mensaxes son persoas que, ou ben por coñecemento da persoa ou ben por afinidade, conforman unha especie de grupo no cal son admisibles determinado tipo de mensaxes dado que “o grupo” comparte “código comunicativo”. É dicir, elementos que son comúns a esa colectividade. Por exemplo os que facemos cine -ou incluso tipos concretos de filmes-, podemos falar de filmes que nos apaixonan ou detestamos, podemos suxerir, ser sarcásticos ou mesmo ofensivos nun código que entendemos os que compartimos unha serie de características comúns. Sen embargo, cando unha mensaxe que pode considerarse “común” dentro dun grupo se extrapola ó exterior dese grupo, a capacidade de interpretación dun receptor alleo sempre vai estar coartada. É posible que entenda o contido pero non poderá comprendela totalmente ó descoñecer o “código” no que se manexan os destinatarios desa mensaxe. Un dos grandes problemas das redes sociais, e en especial de Twitter, é que as mensaxes son xulgadas por receptores que non son os destinatarios das mesmas e que, por tanto, non coñecen o código entre o emisor e os seus receptores.
  • A imaxe virtual. Tamén supón un erro común de interpretación considerar que as mensaxes expresadas nas redes constitúen un retrato fiel de quen as escribe. Isto non ten por que ser exactamente así. Tódolos usuarios das redes temos un perfil virtual e este non sempre se corresponde coa nosa persoa, senón que responde en moitos casos ó nivel de aceptación virtual das nosas publicacións. Son os propios usuarios das redes quen xerarquizan as nosas publicacións a través de “likes” ou “retweets”; o que provoca que moitos usuarios condicionen as súas publicacións ó que consideren vai gozar de maior aceptación dentro do seu grupo de amigos ou seguidores. E por tanto, son igualmente os propios usuarios quen aceptan, ou non, outros usuarios dentro do seu grupo, en función das súas manifestacións nas redes. Nós decidimos con quen nos relacionamos nas redes e por que- E a posibilidade de facer máis ou menos relacións condiciona en gran medida o noso comportamento nas mesmas. Isto significa que os usuarios das redes construímos unha imaxe virtual de nós mesmos que, ó igual que acontece na ficción, non se trata dunha “realidade” en si mesma senón dunha “representación”. A nosa imaxe virtual é unha representación do que somos que procura aceptación.
  • Os delitos. Estas cuestións non eximen de que existan comportamentos delictivos -por exemplo o ciberacoso-, que se producen nas redes sociais. Sen embargo, tampouco hai que esquecer que existen parámetros que axudan a identificar cando estamos falando dun comportamento delictivo ou non. Se pensamos en Twitter, non é o mesmo un tweet ofensivo que inclúa a conta de Twitter da persoa aludida (intencionalidade directa de que esta persoa lea o tweet) que que se faga sen referenciar esa conta. Tampouco é o mesmo unha manifestación de ira puntual contra unha persoa que un número constante e reiterativo de manifestacións contra esa persoa. Existen toda unha serie de parámetros que nos poden axudar a identificar cando existe a premeditación de atacar a alguén deliberadamente e cando se trata dun fenómeno puntual e aillado.

Se atendemos a estas cuestións e como en tódolos casos anteriores, sen entrar a valorar a idoneidade das mensaxes, nin o gusto, nin ningún tipo de afinidade coas mesmas, parece lóxico que en casos sobradamente coñecidos como o do guionista Guillermo Zapata, acusado de humillación ás victimas do terrorismo no cal a Fiscalía xa pediu o arquivo do caso; ou o do cantante César Strawberry, non só se está a poñer en tela de xuízo que poidan transmitirse ou non determinadas mensaxes, senón que ademais do contido das mesmas debe terse en conta o contexto, o código, o destinatario e a imaxe virtual dos acusados. Se cabe, o caso de César Strawberry conta cun agravande inédito ata o momento, vai ser xulgado por un retuit, algo incomprensible dado que replicar unha mensaxe non implica subscribila. Unha condena por retuitear equivale a poder condenar a todos aqueles que reproduciron mensaxes que posteriormente supuxeron unha condena.

Os perigos.

  • A ofensa como límite da liberdade de expresión. Os casos que se veñen sucedendo nos últimos meses e que rematan en causas xudiciais, evidencian unha preocupante evolución a situar a “ofensa” como límite da liberdade de expresión. Isto equivale na práctica á inexistencia da liberdade. Todas e todos somos susceptibles de, voluntaria ou involuntariamente, ofender ou sentirnos ofendidos pola manifestación dun terceiro. Asumir que a ofensa debe ter consecuencias penais implica ou ben deixar de emitir mensaxes ou aceptar que en calquera momento podemos ser culpables.
  • A literalidade. Nos últimos días, comezando polo caso dos titiriteiros, estamos asistindo a análises do acontecido, tanto desde a política coma desde distintos medios de comunicación que supoñen unha excesiva simplificación da realidade. Estanse a eliminar os contextos nos cales se producen as mensaxes e estase a producir un enorme empobrecemento dos seus significantes. Xúlganse as mensaxes desde a interpretación textual do transmitido e non desde tódolos elementos que compoñen a comunicación: emisor, receptor, mensaxe, código e medio. Con este proceder podemos criminalizar prácticamente calquera idea.
  • A autocensura. A xudicialización de delitos que emanan da expresión provoca directamente que moitas persoas deixen de expresarse e que outras, por exemplo, reconsideren a programación de obras se estas son susceptibles de ser denunciadas. Sen ir máis lonxe, a raíz do acontecido en Madrid, esta mesma semana suspendíase en Cartaya (Huelva) unha obra sobre presos e vítimas de ETA. Igualmente estes mesmos días volvemos a asistir en Madrid á cancelación dunha exposición, “Coños”, despois das protestas dalgúns páis.

Que sociedade queremos?

Comezamos a asumir como normal que cando algo “molesta” debe ser retirado sen cuestionarnos que o feito de retiralo tamén pode ser motivo de “molestia”.
Cancelar unha proxección, un espectáculo ou unha exposición, para agradar ós seus detractores implica impedir o acceso a esas obras aos que si están interesados nelas.
A maiores, xudicializar a discrepancia implica asumir a nosa falta de madurez para aceptar na nosa sociedade o pensamento diferente.
Non existe o control do pensamento (por sorte), ninguén ten a capacidade de decidir que debemos ou non pensar. Cando se limita a liberdade de expresión e se persegue xudicialmente a difusión de determinadas ideas, non se están a eliminar as ideas. As ideas permanecen, no pensamento, posiblemente máis enquistadas, máis enconadas, ante a imposibilidade de non poder ser expresadas.
A liberdade de expresión consiste en aceptar a libre circulación das ideas do outro por moi desagradables que poidan chegar a parecernos. A limitación da liberdade de expresión por vía penal consiste en aceptar que as nosas propias ideas poden chegar a ser xudicializadas.
Que sociedade queremos?
Comezamos a asumir como “normal” que algunhas ideas non poden ser expresadas en público. E paseniñamente, o noso “relato da realidade” deixa de ser tal para convertirse no “relato socialmente aceptado e non xudicializable da realidade”.
Que sociedade queremos?
Comezamos a asumir como “normal” que o pensamento disidente teña consecuencias penais. Non nos resulta suficiente a argumentación, a confrontación ou simplemente obviar ou menosprezar aquelas ideas coas que non nos sentimos identificados, senón que pretendemos que os que se saen da nosa liña ideolóxica sexan xulgados e condenados.
Que sociedade queremos?
Desde CREA, como Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, como creadores, como espectadores ou simplemente como cidadáns, defendemos que dentro dos límites xa marcados dos dereitos fundamentais ó honor, á intimidade e á propia imaxe, a liberdade de expresión supón un dos nosos máis prezados dereitos e posicionámonos na súa defensa, tanto nos casos onde as ideas expresadas nos produzan simpatía, como naqueles outros que nos parezan desagradables. Só a libre circulación de ideas nos fai libres.

Marcos Nine
Responsable de Comunicación de CREA
Asociación de Directores e Realizadores de Galicia

 

 

Compartir