Presentación premios CREA

Nacen os Premios CREA e Ollo de Vidro

A Asociación de directores e realizadores de Galicia representada polos nosos compañeiros Jorge Coira, Gaspar Broullón, Juan Lesta e Pablo Fontenla anunciaron hoxe en rolda de prensa 2 das máis importantes novidades que pora en marcha CREA neste 2016, trátase da Primeira Edición dos Premios CREA, e o proxecto Ollo de Vidro.

I Edición dos Premios CREA
A asociación de directores/as e realizadores/as de Galicia, a través da súa directiva e da comisión organizadora destes premios, pretende potenciar, divulgar e recoñecer os traballos da industria audiovisual galega.  Constan de 11 categorías diferentes e un premio de honra. Trátase, en definitiva, dun recoñecemento á dirección e realización que se está a facer na actualidade no eido audiovisual.
Na presentación das candidaturas poderán optar todos os realizadores/as e directores/as con estreas no ano 2015 e que cumpran polo menos un dos seguintes requisitos: que o idioma principal sexa o galego, que a obra sexa de produción galega ou que o director/a sexa galego/a.
Na votación dos traballos intervirán exclusivamente os membros de CREA a través de dúas roldas: a votación de nomeados e a votación de galardoados. O premio, sen dotación económica, consistirá nun diploma acreditativo e unha taza co emblema da asociación. E será o sábado 14 de maio, na cea anual da asociación, cando se dean a coñecer os premiados das diferentes categorías:mellor dirección de longametraxe de ficción, mellor dirección de longametraxe documental, mellor dirección de curtametraxe de ficción, mellor dirección de curtametraxe documental, mellor dirección de obra de animación, mellor dirección de serie TV, mellor dirección de serie web, mellor dirección/realización de programa TV, mellor dirección de videoclip, mellor dirección de spot ou campaña publicitaria, mellor dirección de obra experimental.
Nos vindeiros días daremos a coñecer os nomes de tódolos directores que participarán nestes premios.

Ollo de Vidro
Pola súa banda o proxecto Ollo de Vidro consiste nunha serie de conversas con diferentes profesionais da dirección e a realización que reflexionarán sobre as súas inquedanzas, os seus inicios e o que os move a contar historias e que podedes consultar desde xa  na web Ollodevidro.gal.
Conversamos, entre outros, con: Jorge Algora, Carlos Almón, Aser Álvarez, Gaspar Broullón, Jorge Coira, Juan Lesta, Belén Montero, Sonia Mendez, Marcos Nine, Alejandra Pombo, Dani Viqueira, Pablo Cacheda, Antonio Caeiro, Javi Camino, Hector Carré, Xosé Antón Cascudo, Paco Cuesta, Dani de la Torre, Ángel de la Cruz, Xoan Escudero, Gonzalo E. Veloso, Borja Brum, Chema Gagino, Raul García, Raul Veiga, Manuel Iglesias, Jorge Saavedra, Giselle Llanio…
Desde Ollo de vidro poderedes navegar e profundizar en cada un dos temas ou nas conversas individualizadas. Convidamosvos a visitala.

 

 

Compartir