simon_casal

LOBOS SUCIOS DE SIMÓN CASAL

O filme Lobos Sucios é un claro exemplo da riqueza de relatos que hai no noso país susceptibeis de se converter en filmes. O reto máis importante na dilatada traxectoria do socio de CREA Simón Casal xurdiu do visionado dun documental. Unha intensa e complexa filmación nun entorno natural para recrear a posguerra civil española. A premiere mundial do filme foi en Mill Valley Film Festival en San Francisco, abriu o Festival Internacional de Cine de Ourense, ademais de confirmar a súa presenza no Festival Internacional de Kolkotta.

potenciar as emocións e as sensacións dos nosos personaxes neste duro entorno

Podes explicarnos como xurdiu exactamente a idea para facer Lobos Sucios. En que momento do visionado do documental ocorreuvos, ou se foi a posterior.

A idea orixinal é de Felipe Rodríguez, director do documental co mesmo título que a película, Lobos Sucios. Durante a presentación do documental alguén dixo que a historia era formidable e que merecía un filme. A partir de aí, Felipe comezou a desenvolver o proxecto xunto a Noelia del Rio e Paula Cons, co obxectivo de convertila nun guión cinematográfico. Máis tarde incorporouse a guionista Carmen Abarca, quen lle deu forma definitiva ao guión. Paula, tamén exerceu de produtora executiva e principal impulsora do proxecto, que me chamou para dirixilo. Xa nos coñecíamos de ter feito xuntos a tvmovie Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, e dende ese momento hai case dous anos, puxemonos codo con codo a desenvolvelo.

LobosSucios__1.737.1.T-1024x429

Cal era o plantexamento para a realización do filme e se consideras que se cumpriu a intención inicial.

Queríamos facer un filme emocionante e entretido, e tratar de levar de viaxe ao espectador por unha época histórica fascinante. Para comezar, precisaba retratar a personaxes nun principio moi herméticos, pechados en si mesmos, e escarvar neles ata atopar a súa humanidade. Había que dar vida a esos fantasmas do pasado e logo enchelo de emocións as relacións entre personaxes, buscar complexidade e contradicións para facer os choques máis verdadeiros.

Doutra banda, debíamos acadar transportar ao espectador a esa época e a ese espazo. A posguerra civil nunha aldea galega e illa e unha mina de volframio xestionada por nazis onde veciños e presos políticos traballaban nun ambiente de enfermidade e falta de esperanza. Este mundo da película, un entorno ultra esixente onde calquera fenómeno natural se lle dá un significado sobrenatural.

Neste mundo xorden as historias de amor da película. Entre unha nai e a súa filla, entre dúas irmáns, e entre un home perdido, un home condeado e unha muller con demasiadas cargas enriba como para ser capaz de sentir o sufrimento alleo. Atraíame moito este contraste entre un entorno crú e unha época, a forza, o amor e o sacrificio que xorden nela. Decidín que este contraste sería central na película, a inmersión nun ambiente de desolación fronte a unha emoción e unha maxia que podíamos retratar dunha forma máis calida e suxerente. Tanto o son como a música e a fotografía seguiron este principio. En resumo tratábase de potenciar as emocións e as sensacións dos nosos personaxes neste duro entorno, facer épicos as súas viaxes e a fermosa experiencia audiovisual do filme.

Xuzgando o resultado final creo que eu tiven os meus acertos e os meus fracasos. O traballo onde todo o equipo técnico é extraordinario e os actores creo que elevan o drama a niveis altísimos. En fin, creo que acadamos facer unha película bonita, con alma e verdade dentro.

Nun entorno tan complexo, supoñemos as dificuldades que tivestes que superar para levar adiante a filmación nunhas condicións nada doadas.

Si. Rodamos en menos de seis semanas, en varias minas, túneis, bosques de difícil acceso, unha cova, aldeas illadas, campos militares… Con moito frío, auga e vento. Tiámos que ser rápidos porque había moitas secuencias cada día e en distintas localizacións. As minas tiñan requerimentos de seguridade que facía moi custoso en tempos rodar dentro, os camións quedabánsenos embarrados nos camiños, a cámara mollábase ou empañábas polos cambios de temperatura entre as diferentes bocaminas, o equipo enfermaba, chovía sen parar, o vento tiraba material de luz… En fin, moita presión, moitas dificuldades e un equipo humano brutal que soportou todo e seguiu tirando do filme. Houbo momentos nos que tambaleamos en medio da rodaxe. Pero o equipo seguiu empuxando e conseguimos rematar.

Venme á mente a imaxe dun rodaxe noctucno, nun bosque, baixo a chuva intensa, un escenario grande, unha montaxe complexa, moito tempo de espera, de pé, debaixo dos carballos, á intemperie, agochados nas capuchas, a auga caendo sen parar, ningún lugar onde refuxiarse, as miradas perdidas no musgo…

Como podes describir o filme para as persoas que descoñezan ese contexto e momento histórico.

É unha historia extraordinaria de mulleres loitadoras. Unha viaxe moi emocionante que fala da capacidade do ser humano de sacrificarse polos demais. 

Compartir