581937_1649769468598274_3717395082966041177_n

J. Boquete: “Non é doado colocar o teu produto nunha televisión sen maltratar o formato”

Jorge Boquete é un dos máis experimentados directores de webseries que temos en Galicia. En tan só 3 anos xa son 3 as webseries que leva dirixido. Comezou no ano 2013 con “Conversas con Cunqueiro” á que seguiu desde 2014 “El método sueco” e actualmente traballa na dirección da que será a súa terceira webserie “Peter Brandon”.
Nestes días compite con “El método sueco” na sección oficial do Baja Web Fest de Tijuana.

En que momento se toma o paso de decantarse por unha webserie e non por outro tipo de produción?

No meu caso, dirixir unha webserie era o único xeito de aprender como vai isto do audiovisual por min mesmo. Estudando terceiro de Comunicación Audiovisual vía que non tiña nin idea de como desenvolver un produto audiovisual e daquela as webseries eran o espazo máis accesible no que dar os primeiros pasos. Non tiñamos medios nin presuposto e o compensamos coas ganas de facer e de aprender o oficio.
Unha das vantaxes da webserie, ademais das puramente financeiras, é a liberdade creativa. Podes xogar con todos os elementos e cambialos dun capítulo a outro, cabe todo tipo de experimentación neste formato, e isto é moi útil cando estas empezando para atopar a túa propia voz e moldear o teu estilo.

581937_1649769468598274_3717395082966041177_n

 

Que elementos cres que caracterizan á webserie?

 Cada vez é máis difuso o límite. Eu diría que unha webserie é un produto audiovisual que se emite por capítulos en internet e utiliza os elementos das series convencionais (personaxes, xénero, guión, realización…) para moldealos e acadar un produto orixinal, case sempre cun presuposto moi inferior ao das series tradicionais. É moi importante diferencialo dos youtubers, que tamén emiten contidos episódicos online pero rachan con todas as convencións da linguaxe audiovisual.
Aínda así, a día de hoxe a diferenza coas series tradicionais é mínima. O gran público consume o contido por internet e hai moitos produtos nativos da rede que non teñen nada que envexar ás series de televisión. Nós estamos coa preprodución dunha nova webserie dende Porco Bravú que cheira máis a televisión que a internet, pero non é doado colocar o teu produto nunha televisión sen maltratar o formato, así que a única alternativa real para poder ensinar o teu traballo cun control total sobre o produto é a rede.

Como definirías el método sueco?

El Método Sueco é un experimento sobre a comedia, os seus límites e as diferentes perspectivas de facer humorismo. Tivemos a sorte de poder colaborar con xente á que admiramos na escrita de guións e que ofrecen a súa visión do humorismo a través deste irmáns medio tolos. Os dous protagonistas son o pretexto para desenvolver situacións cotiás cuns diálogos sen filtro, tentando conseguir a complicidade do espectador a través dunha risa culpable. É unha webserie pensada para ser moi barata e unha das vantaxes de facer comedia (ou o tipo de comedia que nos gusta) é que non por ter máis cartos o formato vai ser máis gracioso. Mesturando todos estes elementos e engadindo un cheiro escandinavo na identidade da serie, temos El Método Sueco.

11850463_1606832989558589_515971889890580802_o

Como ves o panorama galego das webseries?

Creo que xa pasou o estoupido de webseries galegas que vivimos hai un par de anos, moita xente que comezou nisto agora está buscándose a vida en outro tipo de formatos, e é ao que estamos condenados todos os creadores de internet. Eu persoalmente son moi pesimista en canto ao futuro do formato. Seguirán a facerse webseries, sen dúbida, porque as ambicións creativas e a necesidade de contar historias fan de internet o primeiro lugar onde poder ensinar as túas cousas, pero o panorama como tal está condenado á precariedade e iso é un problema. É moi complicado gañarse a vida facendo webseries en Galicia. Se observas as cifras de todas as webseries galegas, temos un público moi reducido, moi pouca xente consume webseries galegas e é moi complicado chegar ao teu público na inmensidade de internet sen financiamento.

13178055_713482678792563_1959324835556844905_n

Non todo serán malas novas…

Hai apoios que son fundamentais para o sector na nosa terra coma o Carballo Interplay, que é un verdadeiro pulmón para os creadores de todo o estado e especialmente para os galegos. Xuntar ao carón da túa casa aos creadores máis punteiros de internet supón un estímulo fortísimo e, ademais, a firme aposta económica que fan dende o Concello de Carballo é moi necesaria para unha industria que baila na precariedade e permite aos creadores seguir traballando e seguir creando cultura sen perder cartos, ademais de ofrecer un lugar onde aprender da xente que ten os teus mesmos problemas. Sempre o dicimos, Carballo é o Disneylandia dos webseriantes.
En Galicia hai talento, iso ninguén o dubida, pero se ten unha imaxe das webseries como un formato menor, o fillo bastardo das curtametraxes e precisamente creo que é polas dificultades no financiamento que condenan a moitos formatos á precariedade técnica. É evidente que hai moi boas ideas pero é practicamente imposible levar a cabo algunhas delas co acabado que merecen. A única forma de conseguilo é pedir favores e currar gratis, e así é imposible crear unha industria sostible arredor deste tipo de formatos.

13130945_713482482125916_3903074849770293524_o

Tedes algunha anécdotas que surxir durante a produción?

Houbo moitas. O capítulo que gravamos con Dani Vilaverde de Poetarras o fixemos dúas veces por problemas técnicos. Temos un capítulo gravado dende fai un ano que aínda non puidemos sacar pola dificultade de gravar a última secuencia e aí segue na neveira. Temos un guión de Fran Carballal (co-guionista de El viudo quiere mimos) que fala dunha España que superou a crise e erradicou o paro que, a pesares do tempo que leva en espera a crítica segue vixente. Moitas cousas.
Pero unha das anécdotas máis rocambolescas ocurriunos durante a gravación do segundo capítulo da serie escrito polo noso irmán Antón Varela, director da webserie premiada no último Carballo Interplay Orfanato Atroz. Rodamos nun local mítico da Rúa do Orzán na Coruña, o bar Tranvía, onde o dono puxo todas as facilidades do mundo para que estivésemos a gusto. Pasamos unha tarde de domingo encerrados alí gravando e na metade do rodaxe chegou un olor como a goma queimada que non sabiamos de onde vía. Paramos, buscamos a fonte, e nada, así que seguimos coa rodaxe. No medio dunha toma, un dos enchufes onde tiñamos conectados os focos comezou a botar lume. Imaxinade o percal, un enchufe ardendo que non podes apagar con auga. Conseguimos apagalo cuns trapos e con 3 ou 4 secuencias por gravar. E con todo o noso papo, cambiamos de enchufe e a vivir, seguimos rodando ata terminar todas as secuencias. Rematamos e poucos días despois, Pablo, o dono do bar, pediunos perdón porque non había controlado que ese enchufe non admitía tantos vatios. Pediunos perdón por quemarlle o bar!
Atoparnos con xente tan boa é unha das cousas que nos levamos de El Método Sueco, xente disposta a axudar sen recibir nada a cambio e cun corazón que non lles entra no peito. Incluso quemándolle un enchufe.

 

Compartir