alejandro marzoa nos mestre mateo

El Desconocido, con 15 nominacións, gran favorita na edición 2016 dos MM

Os actores Mabel Rivera e Antonio Durán “Morris”, xunto co Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, deron a coñecer este luns no Salón Teatro de Compostela ós nomes dos nomeados aos Premios Mestre Mateo 2016.
Como se agardaba, o filme “El Desconocido”, dirixido polo noso compañeiro Dani de la Torre, parte como a favorita da noite con 15 nominacións, entre elas a de mellor Director, Mellor filme, mellor guión ou ás mellores interpretacións tanto femininas como masculinas, principais e de reparto.


Con só unha nominación menos, 14, aparece “Lobos sucios”, a ópera prima do noso socio Simón Casal que pode convertirse nunha das grandes revelacións da noite.  11 son as nominacións que acumula “Hospital Real”, a serie de Tv dirixida polo noso socio Jorge Cassinello, e 7 son as que acadou outra serie de tv, “Serramoura” dirixida polos nosos compañeiros Jorge Saavedra, Miguel Conde e Manuel Espiñeira.
Hoxe en CREA podemos dicir con orgullo que as 4 produccións máis nomeadas está dirixidas por socios da nosa asociación.

Nomeados a Dirección e Realización
Nos nomeados á mellor Dirección, 3 dos 4 nomeados son membros de CREA. É o caso de Dani de la Torre, Simón Casal e Jorge Cassinello que se disputarán a prezada estatuíña con Ángel Santos, director de “Las Altas presiones” que con 5 nominacións é tamén unha das fitas que optan a máis premios.
No caso  da categoría de Mellor realización a situación é a inversa. O noso compañeiro Jorge Saavedra con “E agora que? criaturiñas en apuros”, disputarase o Premio á Mellor Realización con: Gonzalo Pintos Moreu por “Luar Milenario”, José Villaverde por “Land Rober Tunai Show” e Senén Bernárdez por “O país máis grande do mundo”.

Socios noutras categorías
Na categoría de Mellor Documental temos pleno de socios de CREA nos traballos nominados. “Querida Gina” dirixida por Susana Sotelo, “A torre de Breoghan” dirixida por Jorge Coira (Tamén nomeado na categoría de Mellor Montaxe por “El desconocido”), “Unitarias. Historia dun mestre de escola” dirixida por Jorge Algora e “Os días afogados” dirixida por Luís Avilés.


A presencia tamén é notable na categoría de Mellor curtametraxe, onde volvemos atoparnos con Jorge Saavedra, esta vez dirixindo a curtamentraxe “Disney” e que disputará o premio ós nosos compañeiros Xacio Baño con “Eco”, Fran X. Rodríguez con “Ladrones de tiempo” e Olga Osorio con “ReStart”.

Os premiados coñeceranse o vindeiro 23 de abril na gala que terá lugar no Pazo de Congresos da Coruña.

 

Compartir