leslie 17

Destacados do mes de marzo

A actualidade do mes de marzo en CREA está marcada polos premios Mestre Mateo que como cada ano convoca a Academia Galega do Audiovisual. Entre o listado de nomeados aparecen un bo feixe de directores e realizadores de CREA. Dúas das 4 películas finalistas na categoría de Mellor Longametraxe están dirixidas por socios de CREA, trátase de “Os Fenómenos” do noso compañeiro Alfonso Zarauza, que acumula 11 nominacións, e de “Schimbare” de Álex Sampayo candidata a 8 estatuíñas. Pero non so nas longametraxes destacan os nosos socios, a serie de Tv “Serramoura” dirixida polos nosos socios Jorge Saavedra e Miguel Conde é a terceira produción con máis nominacións cun total de 9, “O ouro do tempo” dirixida polo noso socio Xavier Bermúdez acada 4, a miniserie “Códice” dirixida por Jorge Cassinello e a serie “Pazo de familia” dirixida pola nosa compañeira Giselle Llanio conseguen 3 nominacións cada unha, e con 2 atópanse a serie “Casa Manola” dirixida por Javi Camino, “Holy Night!” dirixida por Juan Galiñanes e “A viaxe de Leslie” dirixida por Marcos Nine.
Na categoría de Series de Televisión, 3 das 4 producións finalistas están dirixidas por socios de CREA, é o caso de “Serramoura”, “Casa Manola” e “Pazo de familia”. Na categoría de documentais son 2 das catro producións finalistas, “A viaxe de Leslie” e “A volta dos nove” dirixida polo noso socio Antonio Caeiro. Igualmente son dúas na categoría de curtametraxes na cal resultaron nominadas a curtametraxe “Unary” do noso socio Luís Avilés e “Ser e voltar” de Xacio Baño. “Clases de lo social” do noso compañeiro Pablo Cacheda está nomeada na categoría de Web series e “Galegos no mundo” dirixido por Toño López compite na categoría de Mellor programa de Televisión. Na categoría de Mellor videoclip aparece entre os finalistas “Garden’s Road” co-dirixido por Juan Galiñanes e na categoría de Mellor Anuncio Publicitario “Atlantic Touch” dirixido polo noso socio Fran X. Rodríguez.

Os nosos directores no Festival de Málaga

Tamén neste mes fíxose pública a programación das distintas seccións da 18 Edición do prestixioso Festival de Málaga que nesta ocasión contará con triple presenza de directores de CREA. O noso compañeiro Álvaro Gago participará na competición de curtametraxes con “Curricán”, mentres que Marcos Nine participará na Sección Oficial de Documentais con “A Viaxe de Leslie”.
Así mesmo, a cita malagueña servirá para que poidamos ver as primeiras imaxes de “El Desconocido” a ópera prima do noso compañeiro Dani de la Torre que durante este mes estivo gravando a súa banda sonora e que se estreará en salas comerciais o vindeiro 25 de setembro.
el desconocido bso

Premio para “Asolagados”

“Asolagados”, o documental dirixido polo noso socio David Vázquez  recibiu o premio da Sección  Olhares e Enquadramentos no 3o Festival Internacional de Cine Documental e Transmedia de Riós. O documental narra o antes e o despois da xente dos pobos que foron alagados polas augas do río Miño despois da construción do encoro de Belesar: Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte Fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó…

David Asolagados RIOS Festival

Iníciase a segunda tempada da Primeira webserie española en linguaxe de signos

Tamén neste mes, o noso compañeiro Veru Rodríguez comeza a traballar na que será a segunda tempada de “Mírame cuando te hablo”, a primeira webserie do ámbito estatal feita íntegramente en linguaxe de signos. “Mírame cuando te hablo” está de dobre actualidade xa que non só comeza unha nova tempada senon que ademáis ven de ser seleccionada para participar no Carballo Interplay e no NTERNATIONAL DEAF FILM & ARTS FESTIVAL de Toronto.

 

 

 

Compartir