Currican 2

Destacados do mes de febreiro

Febreiro de 2015 resultou ser un mes de frenética actividade para os nosos socios. Premios, seleccións de festivais, presentacións de novos proxectos e obradoiros de formación marcaron a actualidade.

Grandes novas desde Clermont-Ferrand

O festival de curtametraxes por excelencia, Clermont-Ferrand chegaba á súa edición número 37 e nela participaba, por segunda vez, un dos nosos socios: Xacio Baño. Despois de ser selecionado no certame francés pola súa curtametraxe “Anacos”, Xacio volvía desta volta con “Ser e Voltar”, curtametraxe que xa resultara premiada no Festival de Cans e en Curtocircuito, ademáis de ser selecionada no prestixioso Festival de Locarno. Nesta ocasión, este filme que en clave documental tenta de explicar en que consiste o traballo de cineasta, competía na sección Lab, adicada a obras de corte experimental, e fíxose con dous galardóns, unha Mención especial do Xurado e o Premio Canal +.
“Ser e voltar” está a colleitar premios e fabulosas críticas, sirva como exemplo esta publicada na revista especializada en curtametraxes, Cortosfera.

Triplete de producións en Berlín

O proxecto do noso socio Jorge Coira “Hierro”, unha serie de televisión que produce Portocabo para La Sexta foi seleccionada como o mellor proxecto do Copro Series da Berlinale para participar na vindeira edición do Series Mania de París. A revista Variety fíxose eco desta nova.
O Berlín Underground Film Festival, festival online de cinema independente e alternativo, creado por The Clockwork Film Institute seleccionaou  entre os 9 finalistas e nas seguintes categorías: mellor documental, mellor director (David Vázquez), mellor guión orixinal (Afonso Eiré), e mellor fotografía (Humberto Novoa) ó documental “Asolagados” dirixido polo noso compañeiro David Vázquez. O filme que narra o antes e o despois da xente dos pobos que foron alagados polas augas do río Miño despois da construción do encoro de Belesar conseguíu tamén facerse co Premio Moncho Pío de Xornalismo, convertíndose no primeiro filme que acada este galardón.
Tamén en Berlín, pero esta vez no Berlin Independent Film Festival, outro dos nosos acadaba un novo premio. Trátase de Alex Sampayo que acadaba o Premio ó mellor filme con “Schimbare”. Este drama protagonizado por Luís Zahera e Candela Peña está a convertirse nun dos filmes galegos con maior percorrido internacional do ano. Ademáis da súa participación no BIFF de Berlín, este mesmo mes ven de ser seleccionado para participar no Sedona Internacional Film Festival de Arizona e no Jozi Film Festival de Johanesburgo.

De documentais a videoclips
O documental “The Climate Blueprint” codirixido polo noso socio Fran X. Rodríguez e Ruth Chao foi seleccionado para participar 32 edición do Environmental Film Festival. Á súa vez Fran X. Rodríguez está de dobre actualidade ó colaborar no novo videoclip do grupo Igloo, “Ex”.


E quen tamén presentou novo videoclip foi o noso socio Javi Camino que dirixe “19 círculos de amor (Cómeme el hojaldre)” da banda Padre Frijol.

Novidades do mundo das curtametraxes.

A nosa compañeira Ángeles Huerta ven de estrear a súa curtametraxe “The Fetch” no Houston Comedy Film Festival, onde resultou nominada á categoria “single funniest moment”. Ademáis, esta comedia de humor absurdo inspirada na obra “The third policeman” foi  seleccionada no Filums de Pakistán e no festival de Uttarakhand na India e será unha das curtas a seguir durante este 2015.
Outra curtametraxe, que conta xa cuns meses de vida, “Curricán” dirixida polo noso socio Álvaro Gago ven de ser selecionada para o IBAFF de Murcia onde compartirá cartel con outros dous traballos galegos, “Ser e voltar” de Xacio Baño e “Jet Lag” de Eloy Domínguez Serén. Ademáis da súa presencia na cita murciana, “Curricán” será unha das producións xunto con “Encallados”, do noso socio Alfonso Zarauza, e “1977″ de Peque Varela que inaugurarán o Galician Film Forum, unha iniciativa creada por emigrantes galegos en Londres para difundir o noso cinema en terras británicas.

Actividades Formativas

Desde AulaCrea promovemos o Obradoiro “O Guión Musical” impartido por Conrado Xalabarder e que ven de finalizar. A maiores, varios socios de CREA impartiron durante o mes de febreiro e tamén durante o mes vindeiro distintos obradoiros temáticos no marco do Formacip de Carballo. É o caso de Javi Camino que impartiu un obradoiro sobre videoclips, Juan Lesta e Belén Montero que imparten nestes días outro obradoiro sobre vídeo experimental, ou de Marcos Nine que impartirá nos primeiros días do mes próximo un obradoiro sobre remontaxe audiovisual e Jorge Coira quen impartirá outro sobre o traballo cos actores. Podedes ver a oferta formativa do Formacip aquí. Últimas prazas dispoñibles.

 

 

 

 

 

Compartir