little galicia

Destacados do mes de abril

A actualidade de abril estivo marcada pola celebración dos premios Mestre Mateo. Como cada ano, a Academia Galega do Audiovisual convoca estes galardóns onde unha vez máis CREA tivo unha importante representación, non só nos nomeados e premiados senon na propia organización da gala onde o noso presidente Jorge Coira foi un dos produtores executivos da mesma, e o noso socio Toño López exerceu de director xunto con Roberto Vilar.

Alfonso Zarauza o gran triunfador da noite.

Na edición 2015 dos premios Mestre Mateo, 4 producións partían como favoritas, “A Esmorga” dirixida por Ignacio Vilar, “Os fenómenos” dirixida por Alfonso Zarauza, “Serramoura” dirixida polos nosos socios Miguel Conde e Jorge Saavedra e “Schimbare” dirixida polo noso socio Álex Sampayo. Finalmente, e pese ós 6 galardóns colleitados por “A Esmorga”, a gran triunfadora da noite resultou ser a fita dirixida polo noso socio Alfonso Zarauza que subíu ata en 3 ocasións ó escenario de Palexco para recoller os galardóns a Mellor Guión, xunto con Jaione Camborda, Mellor Dirección e Mellor Filme. Á súa vez “Os fenómenos” recibiu unha cuarta estatuíña que foi a parar a mans de Ledicia Sola como Mellor Actriz de Reparto.

zarauza

zarauza

Webseries de moda

Tamén neste mes celebrouse a II edición do Carballo Interplay que dirixe a nosa socia Sonia Méndez e que nesta ocasión ampliou o seu espectro de contidos para transformarse en Festival de contidos dixitais. Moitos foron os prefesionais, varios de CREA, que durante os primeiros meses do ano realizaron en Carballo diversos obradoiros auviovisuais baixo o título Formacip e dos cáis se puideron ver algúns dos resultados nesta edición do Interplay. Igualmente, a cita carballesa celebrou unha vez máis o seu concurso de webseries onde o noso socio Pablo Cacheda conseguíu gañar o premio do público por “Clases de lo social”. Outra das series participantes “Mírame cuando te hablo” do noso socio Veru Rodríguez está de dobre actualidade xa que ademáis de ter participado a competición no Interplay, ven de ser nomeada na categoría de Mellor Video-Series na XVI Edición dos premios de Internet  que se celebrarán o vindeiro 17 de maio.

Interplay 2

Novas seleccións en festivais das producións dos nosos socios.

“Asolagados”, o documental dirixido polo noso socio David Vázquez segue co seu intenso percorrido por festivais. Nesta ocasión participou o pasado 23 de abril no 18 Festival de cine de las Américas que se celebra en Austin, Texas.
E quen igualmente tivo unha actividade incesante durante este mes foi o noso compañeiro Simone Saibene. A súa curtametraxe “Kuti Khanti” participou o pasado 10 de abril no Festival Experimental de Valparaíso e foi seleccionada para participar no mes de maio no Inonu University 8th Short Film Festival de Malatya en Turquía. Igualmente, o seu filme “9 Ondas” ven de proxectarse nas localidade francesa de Quimper e proxectarase proximamente no Palais des Arts de Vannes ademáis de ser seleccionada a competición no Dada Saheb Phalke Film Festival en Nova Delhi. Todo esto mentres Simone prepara o seu novo proxecto “A festa”.

Simone Saibene

Videoclips

Tamén neste mes saíu á luz a segunda colaboración do noso socio Fran X. Rodriguez coa banda Igloo, dirixindo o videoclip “La Reina Ourensana” que xa está dispoñible online.

O que xa está aquí e o que está por vir.

Este mes tamén tivemos novidades do que será o novo proxecto do noso socio Raúl Veiga, o documental “O médico atento” que se estreará este mes de maio. Quen tamén prepara novo proxecto é o noso compañeiro Carlos Almón, que tras gañar o premio á mellor curtametraxe dos Horror Society Awards con “Face your fears” prepara a súa primeira longametraxe baixo o título de “The last witch” que contará coa participación da actriz María Mera.
E o que xa está aquí é a longametraxe do noso compañeiro Alber Ponte, “Little Galicia”, unha comedia romántica con marcado acento galego que transcorre na Gran Mazá e que tras un longo proceso de realización estreouse este mes en cinemas de toda España. Non a perdades.

little galicia

Compartir