Mike Hoolboom

Curtocircuito 2014 cada vez máis cerca.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Compostela, Curtocircuito que estará dirixido un ano máis polo noso socio Pela del Álamo comeza pouco a pouco a revelar as claves da que será a súa edición 2014 e semana a semana van presentando programa, actividades e protagonistas desta nova edición.
O vindeiro día 1 de outubro terá lugar na Zona C a presentación oficial desta undécima edición que a falta de coñecer a Selección Oficial a Competición xa se avanzou nas últimas semanas unha mostra do que serán os 6 días de festival, desde o 6 ó 11 de Outubro. Todo aquel profesional que queira acreditarse para acudir ás seccións competitivas pode facelo a través do formulario de inscripción que pode atopar aquí e aboando unha cuota de 10€ e ter acceso a tódalas seccións competitivas e á retrospectiva de Mike Hoolboom. Así mesmo a prensa pode acreditarse gratuítamente seguindo os pasos que se indican no formulario.

Actividades formativas de mañá.

CGAC e Zona C serán os escenarios onde poderemos atopar obradoiros e mesas redondas. Dos días 7 ó 9, o CGAC acollerá o obradoiro “Blank Paper: Imaxe e Semellanza” impartido por Óscar Monzón e Lois Patiño e que terá lugar desde as 11 da mañá ata as 13.30h. Tamén no CGAC, o mércores 8 poderemos asistir a unha mesa redonda composta polos produtores Luís Miñarro e Felipe Lage e a directora e guionista Neus Ballús e que terá como título “Cine de Autor: Modelos de Porducción” a partires das 11.30h. O xoves 9 na Zona C terá lugar a charla coloquio “Nuevos caminos para la crítica de cine” a cargo de A. Martin e C. Álvarez. O venres 10 Luís E. Parés impartirá o seminario “Historia releída del cine experimental en España” desde ás 11h e o Sábado será o turno de presentación de proxectos na Zona C onde se presentarán os proxectos Numax, Porto/Post Doc e Unión de Cineastas a partires das 11:30h. O prazo para inscribirse nas actividades tamén está aberto e podedes formalizar as inscripcións por aquí.

Sobremesas con CREA

Os días 7, 8 e 9 de outubro desde as 16:30h e ata as 17:30h  servirán de punto de encontro para que tanto os socios de CREA como todos aqueles que queirades poñer en común con nós as vosas inquedanzas sobre o mundo dos directores e realizadores nos atopemos no CGAC para compartir café e divagacións varias sobre o mundo da séptima arte. Conforme se achegue o festival desvelaremos as temáticas en torno ás cales xirarán os encontros deste ano.

Retrospectiva Mike Hoolboom

Curtocircuito programará a primeira retrospectiva que se celebra en España dun dos referentes do cinema de vangarda proxectando 6 obras do cineasta canadiano en 3 sesións que se celebrarán do martes 7 ó venres 9 no Teatro Principal. A obra de Hoolboom, marcada por ser diagnosticado de SIDA ós inicios da década dos 90, caracterízase por converter a súa produción nunha discriminación positiva, e por someter á súa obra a unha constante revisión intervindo e revisitando os seus propios traballos ó longo dos anos. Na retrospectiva que teremos oportunidade de ver en Curtocircuito atoparémonos con algúns dos seus títulos máis representativos, desde a provocadora “Frank’s Cock” de 1993 a “Bufalo Death Mask” do pasado 2013, ou “Public Lighting”, obra do 2004 que foi modificada polo autor este mesmo ano. Como colofón, o cineasta de Toronto ofrecerá unha Masterclass o venres día 9 ás 17h no CGAC. Pódes consultar a retrospectiva completa aquí.

Planeta GZ

A primeira sección competitiva presentada está formada por unha selección das propostas galegas do ano e leva o nome de Planeta GZ. A ela adicaranse 2 sesións do martes día 7 no Teatro principal, 18.30h para o bloque 1 e 22h para o bloque 2. A sección na que se agrupan traballos que van desde a ficción ó cinema experimental contará con obras que veñen xa precedidas un importante percorrido como “Ser e voltar” do noso socio Xacio Baño que ven de presentarse no Festival de Locarno, ou “Pettring” de Eloy Domínguez Serén que tras o seu paso polos festivais de Sevilla, Málaga, S8 ou Tolouse se presenta agora en Compostela. Igualmente será a sección que acolla a estrea de “Matanza” do noso socio Marcos Nine, así como “Jamón” de Iria López, a única peza de animación a competición na sección ou curtametraxes de ficción como “Curricán” de Álvaro Gago ou documentais como “Camping Wesertal” de Hugo Amoedo. Podedes ver o programa íntegro aquí.

Premios CREA e AGAG

E un ano máis tanto a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, CREA, como a Asociación Galega de Guionistas, AGAG concederemos os premios ó mellor director galego e ó mellor guión galego do certame. Nesta edición os xurados estarán compostos, por parte de CREA polos nosos socios Xosé Antón Cascudo, Sonia Méndez e Daniel Viqueira. No caso de AGAG o xurado estará formado por Andrés Mahía, Xavier Manteiga e Xosé Castro “Pato”.

Podedes consultar tódalas novidades que se vaian facendo públicas nestes días na web de Curtocircuito.

 

 

Compartir