Goya

Cuádruple presencia galega nos Goya 2015

Hoxe mércores 7 de xaneiro de 2015 a Academia do cine español a través das actrices Marián Álvarez e Blanca Suárez acompañadas polo director Kike Maíllo fixeron públicas as nominacións á próxima edición dos Premios Goya que como cada ano premian ás producións que os académicos consideran as máis relevantes do ano.
No ano máis taquilleiro do cinema español parece consolidarse a tendencia dunhas nominacións marcadas pola presencia de producións respaldadas por televisións comerciais como é el caso de “La Isla mínima” (Atresmedia) e “El niño” (Mediaset) coproducida pola produtora galega Vaca Films, que acaparan gran parte das nominacións e a presencia de filmes máis pequenos que optan a facerse coa prezada estatuíña.

Os directores

Non houbo sorpresas nas nominacións. Alberto Rodríguez director de “La Isla mínima” dirixe un dos grandes éxitos de taquilla do ano e probablemente unha das revelacións, á súa vez Daniel Monzón, director de “El niño”, quen xa fora galardoado polo seu traballo en Celda 211, conta tamén con grandes opcións de facerse co galardón. Fronte a dous dos filmes con máis peso na taquilla, preséntase o segundo filme de Carlos Vermut, “Magical girl”, que sae moi reforzado dos premios recibidos no Festival de San Sebastián e que serve como consolidación de Vermut tras o seu notable debut en “Diamond Flash”. Pecha a lista o arxentino Damián Szifrón que consegue a nominación polo traballo no seu filme “Relatos Salvajes”, produción hispano-arxentina que conta con participación da produtora El Deseo.

A participación galega

A gala do 2015 pasará por ser unha das edicións con maior presencia galega das celebradas ata o momento. Catro producións galegas optan a gañar o Goya en distintas categorías. “El niño” coproducida por Vaca Films será unha das grandes favoritas da noite ó facerse con 16 nominacións entre os que se atopa a de Mellor Filme, Mellor Director, Mellores actores de reparto e Mellor Guión entre outros. Só “La Isla mínima” supera nunha nominación ás acadadas polo filme dirixido por Daniel Monzón. Noutra categoría, a de Mellor Guión Adaptado resultaron nomeados Carlos Asorey e Ignacio Vilar por “A Esmorga”, un filme que pese a súa recente estrea está a converterse en toda unha revelación no panorama nacional ó situarse durante varias semanas entre os 10 filmes con maior recadación do cinema español. E como xa ven sendo habitual a animación segue a deixar nominacións aos Goya en Galicia. Dúas producións de animación compiten polo Goya, unha na categoría de longametraxe e outra na de curtametraxe. Na categoría de longametraxe “La tropa de trapo en la selva del arco iris” competirá polo Goya con filmes tan potentes como “Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo” que acumula 6 nominacións. Pola súa banda, na categoría de curtametraxe de animación, Alberto Vázquez opta a revalidar o Goya acadado con “Birdboy”, esta vez con “Sangue de Unicornio”. De conseguilo, Alberto Vázquez, pasaría a ser xunto co noso socio Ángel de la Cruz, o director galego con máis Goyas, 2.

As grandes ausencias

Pese a tratarse dun ano cunha ampla participación galega, queda o sensabor de que varias producións que, a priori, contaban con moitas posibilidades de entrar entre os títulos finalistas quedaron fora das nominacións. É o caso de “Costa da Morte” dirixida por Lois Patiño que despois de convertirse nunha das obras de non-ficción con máis percorrido internacional do último ano, e premiada no Festival de Locarno, non conseguiu estar nomeada. Caso máis curioso aínda é o do filme dirixido polo noso socio Juan Galiñanes, “Holy Night” que pese a estar entre as candidatas á nominación a Mellor Longametraxe de Animación, non aparece entre as nomeadas pese a que só hai tres filmes nomeados nesa categoría e o habitual é contar con 4. Do mesmo xeito, “Ser e Voltar” do noso socio Xacio Baño tampouco acadou a nominación á mellor curtametraxe documental.

Compartir