Nimbos

CREA súmase á celebración do Día das Letras Galegas

O martes 13 de maio comezará o ciclo de documentais “As Letras Galegas a través do documental (2011-2014). Catro propostas de Gonzalo E. Veloso”.
A presentación terá lugar no auditorio do CGAC ás 19:30 h e contará coa participación de José María Paz Gago (catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña), Xosé Nogueira (profesor de Historia do Cinema na Universidade de Santiago de Compostela) e o noso socio Gonzalo E. Veloso (director dos documentais). Ao remate proxectarase  Lois Pereiro. Seguindo os surcos.
Ademáis, os nosos socios Xacio Baño e Fran X. Rodríguez presentarán nos vindeiros días traballos adicados á celebración das nosas letras. Ambos participaron na iniciativa lanzada desde o blogue Acto de Primavera, o Proxecto Nimbos, desde o cal distintos cineastas reinterpretan os textos do poeta homenaxeado, Xosé María Díaz Castro, a través da súa particular ollada de cineastas.
Así, ambos realizadores escolleron un texto do poeta de Guitiriz para transformalo en videopoema. No caso de Xacio o poema escollido foi “Ai Capitán”, mentres que Fran X. Rodríguez fixo o propio con “Coma unha espada”.
Os traballos dos autores participantes no Proxecto Nimbos, entre os que destacan nomes como os de Margarita Ledo, Xurxo Chirro ou Otto Roca, están dispoñibles online na web de Acto de Primavera, aínda que quen o prefira poderá disfrutar destes traballos en pantalla grande o vindeiro venres 16 de maio ás 20.30h na filmoteca de Galicia CGAI da Coruña.
Á súa vez, Fran X. Rodríguez é noticia por partida doble xa que o vindeiro sábado 17 de maio presentará en Rianxo o videopoema “True Blood” inspirado no texto gañador do Concurso literario Ferve a Lingua 2013 organizado polo Concello de Rianxo. Ese mesmo día celebrarase a Gran Final do Slam Ferve a Lingua 2014 e ó seu remate como colofón estrearáse o videopoema dirixido por Fran X. Rodríguez. Será no bar A Lareira de Rianxo ás 22.30h
Compartir