puntogal

CREA será unha das entidades pioneiras en empregar o dominio .gal

O pasado 22 de xullo, no Museo do Pobo Galego en Santo Domingos de Bonaval, presentouse o Programa de Pioneiros .gal, unha iniciativa da Asociación Puntogal na que se darán a coñecer as primeiras webs que a partires do vindeiro 25 de xullo, día de Galicia, poderán operar baixo o dominio .gal.

Por que un Dominio .gal? Pois porque como ben indica a Asociación Puntogal na súa web:

“No marco da actual sociedade da información o que non está en Internet non existe. A comunidade galega no mundo, con máis de 4 millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura precisan dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na Rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global.

O .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais… unha especie de sufixo co que identificar en Internet as páxinas escritas en galego e que se dirixan á sociedade galega nas súas comunicacións en liña que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto. Tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible, o .gal encádrase nos dominios de primeiro nivel esponsorizados.”

Estamos orgullosos de comunicar que CREA foi unha das webs elixidas para formar parte deste programa e ser unha das 90 primeiras webs que funcionarán baixo o dominio .gal.

A convocatoria que estivo aberta ata o pasado 11 de xullo buscaba propostas de calquera persoa física ou xurídica que presentase proxectos caracterizados polo seu compromiso coa dinamización da lingua e a cultura galega establecéndose como principais requisitos xerais para a selección que “o sitio web en cuestión debe conter contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento”.

Pódense consultar integramente o Programa de Pioneiros aquí.

A partir do día 25, tamén poderedes atoparnos no crea.gal

 

Compartir