logo_2015

CREA colabora na 6ª Mostra de Cinema Periférico (S8)

logo_2015A Asociación de Diretores e Realizadores/as de Galicia CREA colabora na 6ª Mostra de Cinema Periférico (S8) na Coruña. Unha oportunidade única para coñecer traballos e autores/as á marxe da catalogación máis habitual.

(S8) creouse cunha clara aposta polo cine internacional cun concepto único no panorama do noso país, que se olla no espello de imprescindíbeis citas mundiais como Róterdan, Oberhausen, Ann Arbor, Media City, o Images Festival (Toronto), 25 FPS (Zagreb), la Viennale, Courtisane ou Vila do Conde.

A programación desta edición vén cargada de actividades, masterclass e proxeccións.

Dentro da sección Sinais en Curto, poderán verse curtametraxes en dúas sesións especiais. Será este mércores 3 de xuño ás 18h. en Afundación. Entre os traballos seleccionados para a proxección “DSK” de Juan Lesta e Belén Montero. Estas sesións repetiranse na Fundación Seoane o vindeiro día 7 de xuño ás 17:30 h.

Tamén o día 3 de xuño, ás 20h. no auditorio Afundación o asociado de CREA Marcos Nine conducirá unha especial estrea en Coruña de “A viaxe de Leslie”. Un traballo que fala da vida diaria e da causa (especulada) da morte do actor británico e galán hollywoodense Leslie Howard. Unha trama que viaxa do espionaxe internacional aos secretos dunha personalidade peculiar para levarnos ao que fora o último viaxe de Leslie que o trouxo, precisamente, a Galicia: o que comezou a bordo dun avión comercial que foi derribado, sen deixar supervivintes, por un escuadrón alemán frente a costa de Cedeira durante a Segunda Guerra Mundial.

Dentro da programación tamén se inclúen dunhas sesións con Xacio Baño. A primeira será o 4 de xuño en Afundación ás 17 h. Inclúen os traballos deste asociado de CREA. “Estereoscopia”, “Anacos”, “Ai Capitán”, ”Ser e Voltar” e “Solpor”. O venres 5 de xuño tamén en Afundación ás 18.30, Xacio Baño compartirá con Ángel Santos Touza unha conversa arredor do proceso creativo e amosará imaxes do traballo en desenvolvemento “Eco”.

Na liña de formación da asociación AulaCREA , organizamos o vindeiro venres 5 de xuño ás 11:30 na Fundación Luis Seoane a conferencia experimental “Os Ratos” do dúo brasileiro residente en Berlín Distruktur, que inclúe proxeccións e exemplos do seu traballo en 16mm. “Os Ratos” (as ratas) componse de restos, partes rexeitadas, probas, anacos de película condenados a non existir, ou polo menos a non ser proxectados. “Os Ratos” é unha discusión sobre o valor e a valorización das imaxes fílmicas, a través da visualización de diferentes procesos e resultados inherentes á práctica DIY de cine analóxico en 16mm.

Máis info: http://www.s8cinema.com/portal/gl/informacion-util/calendario/

Compartir