Convocadas as axudas de “talento” da AGADIC


O pasado luns día 1 saíron publicadas as subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego que convoca a AGADIC.
Estas axudas viñan de desaparecer no 2012, cousa que lamentamos profundamente no seu momento en CREA.
Celebramos moi positivamente que AGADIC retome (esperamos que definitivamente) esta liña imprescindible de axudas, que representan o I+D do audiovisual galego, pero temos un sabor agridoce tras ler detidamente a convocatoria, xa que esta sofre un tremendo recorte con respecto a anos anteriores, e no 2013 está dotada unicamente con 66.000€.
Por outra banda desaparecen as axudas a longametraxes dixitáis, que tan bo resultado deron e seguen a dar. E para rematar, os prazos de entrega e xustificación son extremadamente xustos, xa que o beneficiarios deben xustificar a subvención antes do vindeiro 20 de novembro, co que na práctica non poderán contar con máis de dous meses para producir a curta ou escribir o guión.

Convócanse dúas liñas de axudas: a curtamentraxes, e escrita de guión, dotadas respectivamente con 6.000 e 5.000€ para cada proxecto apoiado.

Ademais destas axudas está previsto que AGADIC convoque en breve axudas a produción e desenvolvemento.

Podedes descargar a convocatoria completa en PDF na web de AGADIC.

Compartir