Cineuropa 2014

Comeza a 28 edición de Cineuropa

O festival de festivais, tal e como é coñecido Cineuropa, comeza o día 9 de novembro e extenderase ata o vindeiro día 30 do mesmo mes traendo a Santiago de Compostela unha boa mostra dos filmes que pasaron polas últimas edicións de Cannes, Berlín e Venecia así como un bo feixe de clásicos e de títulos que xa son considerados como “de culto” para gran cantidade de cinéfilos. Podedes consultar os horarios e os títulos no programa descargable.

Nesta edición 28 serán 227 os filmes que poderán verse nas xa habituais sedes do festival que son: O Teatro Principal, Salón Teatro e CGAC.

Unha vez máis a cita compostelá contará cunha ampla representación do cinema galego recente e tamén de autores de CREA. Entre os filmes seleccionados poderemos ver algunhas estreas en Galicia da produción galega máis recente. É o caso de “Las altas presiones” de Ángel Santos que tras o seu paso polo festival de Busan e do SEFF de Sevilla, será proxectada en Galicia por primeira vez. De igual maneira o certame servirá para presentar o novo traballo de Enrique Otero (Director de “Os Crebinsky”) que presenta o seu documental “Funes, o home que inventou a lúa”. Tamén poderemos ver o filme de produción galega “El Arca de Noé”, dirixida por Adán Aliaga e David Valero, e que ven de estrearse na sección oficial da Seminci de Valladolid. Outro dos filmes que se presentará en Galicia será “Jet Lag” de Eloy Domínguez Serén que se estreará a vindeira semana no SEFF de Sevilla previamente a Cineuropa.

Directores de CREA con sesión dobre.

Os nosos socios Alfonso Zarauza e Marcos Nine contarán con dúas sesións na 28 edición de Cineuropa. Alfonso Zarauza estreará o seu documental “A viaxe dos Chévere” e ademáis proxectará o seu filme “Encallados” que durante este ano circulou con notable éxito por distintas vilas de Galicia así como por importantes escenarios do panorama nacional como a Cineteca de Matadero en Madrid. De igual maneira, o noso socio Marcos Nine presentará en Galicia “A viaxe de Leslie”, documental que ven de estrearse na pasada edición da Seminci e que comeza a súa andaina por festivais. Ademáis desta sesión, Marcos Nine contará cunha sesión especial adicada a traballos curtos no que se poderán ver: “A luz no Arenteiro”, “Matanza” e “Reloxo Biolóxico”.
A participación de socios de CREA complétase co “Proxecto Nimbos”, obra colectiva adicada á figura do poeta Xosé María Díaz-Castro homenaxeado este ano no día das letras galegas e no que participaron varios dos nosos socios como Fran X. Rodríguez ou Belén Montero e Juan Lesta.

Panorama Galego

A maiores, a presenza galega nesta edición complétase cun work in progress do filme “O lugar dos avós” dirixido por Victor Hugo Seoane, unha sesión de videocreacións a cargo da cineasta Olalla Castro e as “Videocartas Galiza-Berlín” de Adriana P. Villanueva e Sabela Pernas.

 

Compartir