Arranca a programación estable na Illa de Arousa con “O Apostolo”

Hai unhas semanas xa falábamos da reapertura dunha sala na Illa de Arousa, e o vindeiro sábado 25 comeza a súa programación estable.
A película escollida para esta ocasión é “O Apóstolo” do compañeiro Fernando Cortizo, a partires das 19h no Auditorio Municipal da Illa de Arousa.

A fita de animación en stopmotion foi un dos filmes españois que contou cun maior percorrido internacional durante o ano 2013 chegando a estar preseleccionado para os Oscar e gañando o Premio do Público no Festival International du film d’animation d’Annecy, o máis prestixioso festival de cine de animación do mundo.

A entrada ten un custe moi especial: 2€. Así que recomendamos ir con tempo, tendo en conta que na primeira proxección o cheo foi total.

A maiores da proxección pública do filme, a produtora Artefacto Producciones xunto co colectivo Tribu 2.0 colarorarán co IES da Illa de Arousa nun obradoiro de stopmotion online mediante o cal os estudantes de secundaria poderán iniciarse no mundo da animación a través dunha serie de unidades didácticas que terán o filme de Fernando Cortizo como protagonista.

Compartir