Versogramas logo

Arquivos CREA: Versogramas

Un dos proxectos galegos que pasaron pola pasada edición do Sunny Side of the Doc que se celebra cada ano na localidade francesa de La Rochelle e onde se congrega o mundo do documental foi “Versogramas”. Un proxecto que está dirixido polos nosos socios Belén Montero e Juan Lesta e cos que puidemos conversar para coñecer o seu proxecto de primeira man.

En que consiste o proxecto versogramas?

VERSOGRAMAS é unha viaxe que parte de Galicia cara ao descubrimento, da man de creadoras e creadores de diversos países, acerca do qué e o cómo da unión entre verso e vídeo. Un percorrido trans-media que ao tempo responde e plantexa unha pregunta: que é videopoesía?

Como é o seu desenvolvemento?

O proxecto parte de Celia Parra, que é a creadora da idea orixinal do documental. Ela buscou equipo de directores, atopounos e acabamos facendo equipo asumindo a produción desde Esferobite. Conseguimos unha axuda ao desenvolvemento que nos permitiu afondar na investigación e traballar no documental. Actualmente temos apoio da AGADIC para producilo e estamos a buscar financiamento para acadar o 100% do orzamento e arrancar coa rodaxe en 2017. Paralelamente acadamos tamén un apoio do MAC Gas Natural Fenosa para traballar na parte expositiva.

 Cal será a forma ou formas finais dun proxecto con tantas patas diferentes?

Todo parte do contido central que é o documental, e del xorden varios proxectos que o converten en trans-media: exposición, publicación (libro + DVD), longa experimental e webdoc. A idea é falar de videopoesía e difundila en todos os campos que sexa posible, aprovechando as características específicas de cada formato.

 Que se pode ver cando nos achegamos á web?

En Versogramas.com podes atopar información sobre o proxecto, contactarnos, etc. A idea é que poida axudarnos a difundir o proxecto. Actualmente é unha web modesta que irá crecendo conforme medre o proxecto. Hai uns meses fomos un paso máis aló montando a sección “o videopoema da semana”.

Que son os videopoemas da semana?

Tralo proceso de investigación démonos conta de que tiñamos unhas bases de datos e un coñecemento sobre videopoesía que era unha mágoa non utilizar e difundir. Así que lle demos voltas ao asunto e decidimos seleccionar cada semana unha videopoesía dos moitos artistas que traballan neste medio para explorala a fondo e compartila vía web e redes socias.
Interésanos moito difundir o traballo dos creadores e creadoras de videopoemas, comentalo e crear comunidade arredor desde movemento.

 Algunha anécdota que vos pasara ata o momento na producción.

Teñennos escrito desde Arxentina e tamén dende aquí para felicitarnos sobre o proxecto e enviarnos videopoemas para que comentemos. Ou que moitas veces nos pasa que, cando falamos de videopoesía nalgunha reunión, o interlocutor queda cunha cara que parece preguntar “pero que raio é iso da videopoesía?” E isto, ademáis de divertirnos, impúlsanos no noso obxectivo de divulgar un xénero que é tan coñecido internacionalmente como descoñecido aínda nalgúns lugares.

Compartir