Fetch 1

Arquivos CREA: The Fetch

Ficha Técnica

Curtametraxe Ficción
Duración: 10 min.
Dirección: Ángeles Huerta
Produción: Melanie Beatson
Guión: Ángeles Huerta
Fotografía: Sam Parsons
Montaxe: Ángeles Huerta e Elena Rubanik
Música Orixinal: Xabier Mera
Dirección de Arte: Marisa Polin
Intérpretes: Trevor Murphy, Damola Onadeko, Lori-Leigh Mills, Afsha Ayub e Melanie Beatson

The Fetch cartel

The Fetch

Sinopse

Dous homes sen ningún vínculo aparente entre eles (un inmigrante irlandés e un pomposo empresario británico) cruzanse constantemente por toda a cidade de Londres. Martin Finnucane é branco, pobre e totalmente alleo ao politicamente correcto. Noel Farage é negro, rico e condescendente. Se existe unha guerra de clases, é obvio quen a está a gañar. Cando por fin chegan a dirixirse a palabra, rematan misteriosamente enredados. E canto máis loitan por romper o vínculo, máis estreito se volve. Así, non teñen outra opción que percorrer as rúas de Londres pedindo axuda, como si ambos conformasen un único monstruo feito de carne, rodas e pedais. Que misteriosa forza é a que os atrae desta maneira?
Unha película sobre bicicletas, coincidencias e os ridículos límites da propia identidade. Inspirada no clásico de Flann O’Brien “The third policeman”.
Fetch 4

“The Fetch” é o traballo que serve “de colofón” dos estudos da realizadora galega Ángeles Huerta na Met Film School”, a escola de cine dos Ealing Studios. Estreada no Houston Comedy Film Festival, onde resultou nominada á categoria “single funniest moment”, e seleccionada entre outros festivais no Filums de Pakistán,  no festival de Uttarakhand na India e no  7º SENE Film, Music & Arts Festival (Providence & Warwick, USA), “The Fetch” é unha curtametraxe que xurde por unha banda, da impresión que lle produciu á autora vivir en Londres, nun edificio de vivendas sociais que curiosamente se atopaba pegado á City, e daquela do enorme contraste entre os veciños e a realidade de arredor. Pola outra, da lectura de “The third policeman” de Flann O’Brien, unha especie de “Alicia no país das marabillas” no rural irlandés, de onde Ángeles Huerta tira a  idea da simultaneidade dos tempos e os espazos, e por suposto a imaxe da bicicleta como elemento catalizador de todo. Unha curtametraxe con toques de comedia do absurdo que entronca con traballos anteriores da realizadora, aínda que como ela mesma destaca as súas predileccións están máis orientadas ó absurdo que á propia comedia: “A comedia foi unha constante nos meus traballos anteriores pero tampouco quero pecharme nese xénero. Penso que o humor pode estar presente tamén en propostas moito menos “clásicas”, tanto no que atinxe ás formas como aos contidos. De feito, se hai algo que relaciona “The Fetch” cos traballos anteriores e co que estou a preparar agora mesmo non é tanto o humor como o sentido do absurdo. Esa inclinación natural ao absurdo é o que me levou á comedia, pero penso que sen abandonarla podo crecer como cineasta noutros territorios menos canónicos.”

Fetch 3Un absurdo que neste caso parte da influencia da obra de Flann O’Brien: “Na obra de O’Brien atopei o ton absurdo e as coordenadas espazo-temporais para poder expresar o desconcerto que a vida en Londres me provocaba. Londres é unha cidade extremamente clasista, pero é certo que no leste de Londres a contigüidade entre zonas pobres poboadas por inmigrantes e a City produce unha sensación extraña. E no medio de todo, a bicicleta, que sexa por moda ou necesidade parece igualar a todos. A imaxe da roda que xira remite automáticamente ao imaxinario do eterno retorno, da eventual simultaneidade de todos os tempos e os espazos, e daquela da radical igualdade entre os seres humanos. A frase “is it about the bicycle?” é unha especie de mantra cómico que se repite na obra de O’Brien, a historia sobre o rapaz que está a medio camiño de se converter el mesmo en bicicleta tamén é unha cita case literal do libro, e o nome de “Martin Finnucane” está sacado dun personaxe da novela. Polo demáis, a presencia do “Terceiro policía” non se reflicte para nada na trama, senón no universo que propón a película.”

Fetch 2

Entre o máis salientable do filme, cabe destacar a enorme química que xurde entre os dous actores protagonistas, feito este que a nosa compañeira Ángeles Huerta menciona, xunto coa música, como un dos puntos máis atraintes do filme: “Resaltaría o gran traballo dos dous actores protagonistas, así como a música orixinal, que foi composta por Xabier Mera, outro “londoner de Galicia”. Xabier escribiu a música en Londres pero veu a Santiago a gravala co seu grupo “Alo Django” (Quim Farinha ao violin, Alfonso Calvo no doublebass, e David Tato e Xabier Mera nas guitarras). Penso sinceiramente que a música é unha parte importantísima deste traballo.”Fetch 1

Anecdotario

Ángeles Huerta: “Cando escribín o guión os medios ingleses non paraban de falar do crecemento de UKIP, o partido de extrema dereita británico, e do seu leader Nigel Farage. Eu púxenlle “Noel Farage” ao personaxe rico e pedante da película, que está interpretado por un actor negro, Damola Onadeko, como parte do absurdo. Éste é un detalle que seguramente ninguén vai entender fóra do Reino Unido, pero que alí fai moitísima gracia. De feito, a escena na que Martin Finnucane lle pregunta o seu nome e el responde “Farage, Noel Farage” houbo que repetila varias veces (e mesmo pedir a algúns curiosos que se afastaran) porque tanto o equipo técnico como os viandantes estoupaban a rir.”

Compartir