currican 6

Arquivos CREA: Curricán

Ficha Técnica

Curtametraxe Ficción
Duración: 15 min.
Dirección: Álvaro Gago
Produción: José Gago, Alberto Gago
Guión: Álvaro Gago
Fotografía: Rafael Medina Adalfio
Montaxe: Álvaro Gago
Música Orixinal: Nico Casal
Dirección de Arte: Ana Gallego
Intérpretes: Iago Ferreiro, Celso Bugallo, Javier Fernández.Currican

Sinopse
O estío chega ao seu fin. En Vilanova de Arousa, unha vila mariñeira da costa  oeste galega, Andrés e os seus dous netos, Tomé e Xoán, saen a pescar unha última vez para despedi-lo verán. O sol pega forte e as miñocas retorcense en busca da sombra.  Andrés comanda unha proa que non se cansa de surcar as ondas do Atlántico.  Entretanto, Tomé continúa a lanzar o chumbo lonxe da popa do barco mentras Xan sostén á súa canica da sorte contra o ceo azul.

currican 1“Un regreso ás orixes, ás impresións dun pasado que xa non existe, á miña terra, á min mesmo. Curricán responde a un desexo de falar desde un punto de vista íntimo. Quería estar en contacto con xente e situacións que coñezo desde moi novo, co propósito de traer ao epicentro do meu presente un puñado de circunstacias e sentimentos aso que me une un gran amor e unha gran nostalxia. Curricán é o retrato dun tempo vivido, a re-organización e re-interpretación dunha realidade que vive na miña memoria.” Así define o realizador Álvaro Gago a súa curtametraxe Curricán, gañadora do premio CREA á mellor dirección na pasada edición do Curtocircuito e que tras o paso polo Festival de Curtametraxes de Vitoria-Gasteiz, ven de ser selecionada polo Festival Internacional de cine de Murcia IBAFF.
Currican 2Cinema de “carácter familiar cun discurso honesto”, é o que destaca Álvaro Gago  deste retrato da Galicia mariñeira, da infancia, da nostalxia que sen embargo foi producido desde a London Film School onde segundo o seu autor, recibiron a curta “con moito agarimo”: “Todos os traballos de graduación son sometidos ao xuízo dos profesores e profesionais do sector durante unha xornada que na LFS se coñece como “Critics Day”. Normalmente dan bastante caña; “Curricán” saiu ben parada. O filme tivo un especial impacto no escritor Roger Hyams e no director de fotografía Terry Hopkins; ambos enunciaron moi apaixoadamente que a película os transportara ás suas respectivas infancias. Non só me quedo co bo, pois non todo foron flores. Agradecín moito as críticas, fixéronme pensar moito. É fundamental sentirse incómodo para estar en contínuo movemento”currican 3
Cine que parte do máis íntimo, como unha forma de coñecemento, como un achegamento a universos vitais e cercanos. “O cine pode partir de calquera cousa. Non existen regras que estipulen cómo debe facerse cine ou de onde deben de provir as ideas, e non creo que deberan existir. Cada un tira do seu, do que lle interesa e estimula, só así nos podemos diferenciar. É na diversidade de puntos de vista onde residen as oportunidades para compartir, intercambiar e aprender. Se unha película me fai rir ou me mantén sen palpebrar durante horas ,¿Qué mais ten que a historia proveña dunha experiencia personal, un soño ou un ensaio? Agora mesmo entendo o cinema como unha forma de recordar e de estar en contacto cunha terra na que non vivo dende fai xa seis anos. Sebastian Silva, director chileno, reflexiona sobre o paradóxico que é cando un se vai para estar máis cerca. Eu penso todo o día en Galicia pero ao mesmo tempo non me fai falla estar alí. Tamén entendo o cinema como un espello para o estudio da conducta e das relacións humanas sen chegar nunca á verdade absoluta pero satisfacendo o desexo de entender, de nutrirse. E tamén entendo o cinema como unha actitude cara á vida, unha actitude que trata de ser honesta. Gustaríame facer filmes que me axuden a entender mellor o mundo no que vivo e que inviten á audiencia a redescubrir e dialogar, pois así a experiencia terá transcendido o propio filme, que só será a parte dun todo mais extenso e ecléctico. Penso moito nesta frase: “Non fai gran cousa, e sen embargo, séntese todo o seu poder”, penso que, en certa medida, me gustaría facer filmes que leven a ese enunciado, pero non me obsesiono con elo porque un corre o risco de volverse demasiado conceptual.”Currican 4

Anecdotario

Álvaro Gago: “A rodaxe tivo lugar a comezos de Setembro e tiñamos mareas vivas (para o asombro do cinematógrafo, Venezolano de orixe). Rodábamos no porto vello de Vilanova de Arousa, que está conectado á terra firme a través dunhas pasarelas flotantes que se elevan e descenden en función das mareas. Unhas das esceas requería que o barco pasase por debaixo dunha das pasarelas. Fixemos unha proba á mañá e saiu todo ben, pero á escea a rodábamos á tarde e ninguén reparou na marea, que reducira a distancia entre o mar e a pasarela en mais de 2 metros e medio. E agora comeza a verdadeira escea: Celso Bugallo ao volante con todo o equipo técnico a bordo, a pasarela en frente, o barco directo hacia ela, o equipo que se axeonlla e, de súpeto, o son da madeira desgarrándose e, xa tras de nos, a imaxe da cruz que sostén as luces de advertencia colgada da pasarela. O son fixo pensar que o dano sería moito maior, pero afortunadamente non foi así. A comedia non ía rematar aquí, pois ao grito de ¡Isto é unha producción de Hollywood!, o pai dun dos actores protagonistas, que ten unha carpintería en Vilanova, foi a por un par de ferramentas ao ser taller e arranxou a desfeita en menos de 20 minutos.

Currican 5
Francisca, a señora que sae sacudindo o mantel na película, veu tan elegante o día da rodaxe, que se me fixo complicado dicirlle que tiña que poñerse un mandilón.
Costoume bastante facerme co control de tódo-los nenos na escea das bolas, especialmente tralo festín de galletas que lles trouxo a señora Elisa xusto antes de rodala primeira toma.
O equipo técnico e o axudante de dirección adícanse profesionalmente ao cine, pero producción, arte, vestiario e o elenco de actores e extras (coa excepción de Celso Bugallo), era a primera vez que participaban nunha rodaxe. Entre eles meu pai, meu tío, dous primos e unha prima, a familia ao completo.
Outra familia que participou na película en masa é a familia Iglesias Bouzón, da Illa de Arousa. En total, catro mulleres: dúas irmás e dúas fillas das irmás.”

 

 

Compartir