Chanfaina San Sadurniño

Arquivos CREA: Chanfaina Lab part. 2

Seguimos a coñecer os resultados da I Chanfaina Lab que se celebrou no Concello de San Sadurniño e na cal participaron varios dos nosos socios. Como ven sendo habitual, desde a web Fálame de San Sadurniño cada venres fáise pública unha das curtas resultantes e desde CREA queremos sumarnos a esta difusión presentándovos 4 novos traballos que nesta ocasión teñen como directores a Otto Roca, Ángel Santos, Alberte Pagán e Brais Breijo. Agardamos que vos gusten. (Textos: Fálame de San Sadurniño)

“SANSa SOLEIL”

San Sadurniño, 2015

Chanfaina’Lab (5) Estrea venres, 20 de febreiro do 2015
Título: SANSa SOLEIL
Director: Otto Roca
Duración: 7′.
Sinopse: O rexistro do sol de outono en diversas localizacións de San Sadurniño empregando unha técnica chamada solarigrafía.
Gravado no Eirexado, Naraío, Ferreira, Lamas, Forgoselo e Punta Frouxeira (Valdoviño) no outono de 2014 dentro do programa do Chanfaina’ Lab

Otto Roca é un fotógrafo e cineasta que acadou grande repercusión crítica coa longametraxe documental Piedad. O filme de Otto para a Chanfaina’lab foi construído a base de solarigrafías de longa exposición que rexistran a pegada do sol sobre da paisaxe. Para obtelas colocou 12 cámaras estenopeicas -latas de cervexa- cargadas con papel fotosensible por diferentes parroquias de San Sadurniño. Tamén gravou os fumes nocturnos da factoría Intasa ou as néboas de Naraío. O resultado son imaxes nas que a natureza estase a contemplar a si mesma, fóra dos límites da vista convencional, unha sorte de visión que nos achega ao que miran as rochas ou as árbores dende dentro da propia paisaxe. “SANSa SOLEIL” nos convida a unha experiencia sensorial sobre a nosa relación coa luz, o espazo e o tempo. Todo o que temos diante dos ollos, mais na meirande parte das veces non somos capaces de ver.

“Camiños de Bardaos”

Bardaos, 2015

Chanfaina’Lab (6) Estrea venres, 27 de febreiro do 2015
Título: Camiños de Bardaos. (Unha achega ao fenómeno OVNI en San Sadurniño)
Director: Ángel Santos Touza
Música: Eduard Artemiev (“Solaris”. 1972)
Duración: 9′ 13″
Sinopse: Ollada persoal á paisaxe de Bardaos a través dun relato ficcional mesturado con historias reais de veciños e veciñas da parroquia do San Pipote.
Gravado nas estradas de Bardaos na tarde do 6 de setembro de 2014 dentro do programa do Chanfaina’ Lab

Ángel Santos Touza é un dos mais reputados cineastas galegos, autor de dúas longametraxes de referencia no que se deu en chamar “Novo cinema galego”.
Ángel nunca escoitara falar de Bardaos, mais cando soubo das rectas e cruces das estradas da parroquia, alá se foi “para ver qué pasaba”. Pretendía filmar os cruzamentos e camiños rectos da concentración parcelaria que caracterizan o universo visual de Bardaos para “falar da xente e da vida a través dos espazos baleiros”. Mais o infortunio agardaba por Santos Touza na parroquia do San Pipote. A cámara esnafrouse e só puido gravar oito planos dos camiños de Bardaos. Con tan cativo material tivo que aguzar o enxeño para toparlle o ”punto” a súa peza. Despois de moitas voltas, decidiuse por crear unha ”ficción documental”, unha ucronía ateigada de retranca. Na segunda parte do filme, as historias cruzadas dos personaxes cobran sentido. Calquera veciño ou veciña poderá recoñecer os referentes utilizados -de Fálame de San Sadurniño-, envoltos noutra referencia cinéfila: a música do filme ruso de ciencia ficción “Solaris” (Tarkovski,1972). “Camiños de Bardaos” é un filme intelixente que xoga respectuosamente coa memoria e o presente, invitando sobre todo ao sorriso, en definitiva a compartir unha orixinal e inquedante hipótese sobre as terras de Bardaos, que ademais, – quén sabe?-, podería converterse en lenda algún día.

“Forgoselo (Granito)”

Forgoselo, 2015

Chanfaina’Lab (7) Estrea venres, 6 de marzo do 2015
Título: Superfícies: Forgoselo (Granito)
Director: Alberte Pagán
Duración: 4′ 10″
Sinopse: “Granito sobre granito. Penedo de Forgoselo refotografado a partir dumha projecçom sobre superfície de granito. Rochas na terra e ceus empedrados.”
Gravado na Serra do Forgoselo o 6 e 7 de setembro de 2014 dentro do programa da Chanfaina’ Lab

Alberte Pagán é unha figura relevante da cultura galega contemporánea, mais tamén do cinema experimental en España. Poeta, ensaísta -referente no cinema de Andy Warhol -, cineasta e activista político, -sempre disidente-; a curiosidade e o talento de Pagán non teñen límites como se pode comprobar a través da súa prolífica traxectoria en mais de 20 filmes. Son sempre exploracións radicais e persoais que semellan respirar ou ter vida propia; a través delas investiga maneiras, universos, tempos e alternativas de ser ou estar en Galicia, mais tamén nos currunchos do planeta que percorre incansablemente coa súa cámara. Esta peza é a terceira entrega da serie “Superfícies”. Pagán, fiel a si mesmo, foi ao Forgoselo e tentou “enxergarse” na súa esencia: a paisaxe do granito. “A image dumha pena na Serra do Forgoselo é refilmada a partir dumha superfície granítica: granito sobre granito. Gosto desses ares empedrados: terra e ceu fundem-se numha aperta pétrea”. Un filme experimental e contundente no que “non hai nada que entender”, porque vai mais aló da epidermes da paisaxe para devolvernos ao mais telúrico e primitivo da Terra: a textura do granito, a base sobre da que se constrúe o territorio e a historia. “O tremor da cámara nos primeiros planos (provocado polo vento, tamém presente, indirectamente, na banda sonora) serve-nos para discriminar a superfície da image, e a partir de aí construirmos as nossas próprias superfícies”. Así pois, sintamos a textura do granito da Serra e deixémonos levar tamén por este punto de vista nos roteiros polo Forgoselo.

“Alberte Pagán é un creador inclasificable. Mira o que quere e como quere sen axustarse a ningunha norma agás a que lle marca o seu interese por retratar a realidade, unhas veces social, outras contemplativa e sempre experimental. O autor achegou ao proxecto Chanfaina Lab a terceira entrega da serie “Superficies”, plasmando neste caso o granito do Forgoselo, que se realimenta nunha proposta visual e sonora a xeito de espellos infinitos. Cinema protagonizado por penedos, reflexos, riscos… e moito risco no concepto, entendendo como tal todo o que foxe do comercial ou, polo menos, de todo o que estamos afeitos a ver. Pagán marchou aos ermos do Forgoselo para enchouparse da esencia desta paraxe morada case en exclusiva polo gando, o monte baixo, a rocha e as andaravías. Alí filmou pacientemente as texturas das penas para despois proxectalas nunha superficie granítica, gravándoas novamente para ter a materia prima da súa creación. Granito sobre granito. Luz electrónica sobre luz real captada á súa vez por un aparello electrónico que nos mostra texturas sorprendentes ao compás dos muíños de vento, aproveitados polo autor como metrónomo dun ritmo narrativo case estático no visual”.

“Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe”

San Sadurniño, 2015

Chanfaina’Lab (8) Estrea venres, 13 de marzo do 2015
Título: Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe
Director: Brais Breijo
Edición: Dani Lema
Duración: 4′ 23″
Sinopse: “Xogo irónico que localiza en San Sadurniño superproducións de Hollywood ou populares series de TV.”
Gravado nas parroquias de Igrexafeita, Naraío e San Sadurniño o 6 e 7 de setembro de 2014 dentro do programa da Chanfaina’ Lab

Brais Breijo nado en San Sadurniño está a comezar a súa traxectoria como actor, músico e director. Integrado no Coro Gaos alterna participacións actorais en curtas, teatro e series de TV coa realización de filmes como “Vida mariñeira: a pesca no Gran Sol” que foi o seu proxecto de graduación na Facultade de Comunicación de Coruña. Na peza que realizou para a Chanfaina’lab mestura dous aspectos do audiovisual que lle apaixonan: as localizacións e a música. Brais homenaxea ao seu concello natal cun xogo retranqueiro que amosa diversos lugares de San Sadurniño como territorio de posíbeis localizacións para películas ou series de contrastado éxito popular: A través de “Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe”, percorremos varios lugares do concello como si fosen Lothlórien, o mítico país dos elfos (Igrexafeita); Invernalia de “Juego de Tronos” (Naraío); Wisteria Lane de “Mulleres desesperadas” (Marqués de Figueroa); o máxico Colegio Hogwarts de “Harry Potter” (Convento do Rosario); a elegante “Downton Abbey” (Pazo da Marquesa) e a sordidez de “American Horror Story” (cemiterio de San Sadurniño). “Pretendo amosar con humor e ironía o potencial do concello para facer grandes cousas que non teñen nada que envexar ás localizacións mais recoñecidas e populares internacionalmente”.
De xeito que, reláxense e gocen das posibilidades visuais deste concello, porque calquera lugar fermoso ou especial do planeta pode “localizarse” tamén en San Sadurniño.
“Ben, o título se cadra é algo críptico pero ten a súa explicación. A primeira é unha chiscadela cinéfila: “Madeira de pino” en inglés sería Pinewood, o nome que levan os estudios nos que se filmaron as entregas de Harry Potter e parte das localizacións da exitosa serie británica Downton Abbey, entre outras. Por outro lado, en Nova Zelandia -país natal de Peter Jackson- é onde se rodou a adaptación cinematográfica da saga de Tolkien “O señor dos Aneis”. Para Brais Breijo tanto a unha como a outra ben se poderían ter feito en escenarios de San Sadurniño e de aí que a peza ironice en certa maneira sobre a necesidade de marchar “tan lonxe” para facer estas e outras producións.”

Ver Chanfaina 1

Compartir