Chanfaina San Sadurniño

Arquivos CREA: Chanfaina Lab part. 1

En setembro de 2014 un grupo de máis de 20 profesionais se deu cita no Concello de San Sadurniño por iniciativa de Manolo González no que se coñeceu como Chanfaina Lab. Dese encontro surxiron toda unha serie de curtametraxes nas que participaron varios dos nosos socios. Tras a súa estrea na Casa da Cultura de San Sadurniño en xaneiro de 2015 comezan a estar dispoñibles online publicándose cada venres na web Fálame de San Sadurniño. Desde CREA queremos apoiar esta iniciativa publicando mensualmente un resumo con 4 curtas nacidas desa Chanfaina Lab. Nesta primeira entrega contamos coa participación de 3 dos nosos socios: Sonia Méndez. Belén Montero e Juan Lesta.

“Café-Bar SANTOS perruquería” Dir. Sonia Méndez.

Esta é a primeira aproximación ao xénero documental da polifacética actriz, directora e guionista do audiovisual galego Sonia Méndez, gañadora de varios premios Mestre Mateo como a curta “Conversas cunha muller morta” ou a serie online “Angélica e Roberta”. Actualmente dirixe o festival internacional de webseries Carballo Interplay.
Gravou o filme no popular establecemento fundado en 1971 por José María Santos, inspirada pola estética e peculiar atmósfera que intuíu neste espazo singular. Dos case 120 minutos de gravación editou esta peza que “plasma con mestría o universo presente e pasado -e un tanto cunqueiriano- do “Café-bar Santos-perruquería” valéndose da narración de Juan Santos e da impagable chispa do seu pai Pepe. A peza percorre sen présa as estancias da barbeiría, do bar e da perruquería deténdose en cada unha delas para explorar os sons e detalles nos que nunca reparamos malia ter estado alí centos de veces. Méndez coloca a cámara estratexicamente e gorécese á mantenta detrás dela para interferir o menos posible nesta auténtica reflexión sobre o paso do tempo e o cambio dos tempos. Unha ollada protagonizada polo espazo e por persoas que, aínda non dicindo nada, contan moito desa esencia case de realismo máxico que desprende o que todos e todas coñeceremos sempre como “O barbeiro”.

“Quen gravou en San Sadurniño” Dir. Guillermo Arias-Carbajal

Guillermo Arias-Carbajal defínese a si mesmo como “pallaso habitual, cineasta ocasional” e certamente este filme realizado para a Chanfaina’lab, reflicte á perfección a retranca e o humor que destila na súa obra, mais tamén na súa vida. “Quén gravou en San Sadurniño?” remite a outras pezas do autor, instalado nun humor raiano no absurdo que “non se toma en serio nin a si mesmo”, como en “Suicidio Lamprea” ou “1984 Untitled Robot Short film”. É unha ollada desenfadada, irónica e desmitificadora sobre a Chanfaina, o “novo cinema galego” e por suposto, San Sadurniño.
“Guillermo Arias-Carbajal é o autor dunha curta que tenta reflectir dalgún xeito “a memoria de San Sadurniño”. Ou iso é o que asegura na presentación da peza protagonizada por el mesmo. Pero unha cousa é o que di o director e outra o resultado final, que nin sequera se aproxima ao concepto inicial e tira por outro camiño cargado de retranca que delega todo o mérito nunha cámara con vida propia. Un camiño, iso si, que non é froito da improvisación, senón dunha idea preconcibida e ben traballada… aínda que o autor nos queira convencer do contrario… O director e guionista escusa a súa vagancia -falsa, como demostra a propia peza- por non ter feito nada para o proxecto no que participaron outros 20 creadores e creadoras do audiovisual galego. O autor bótalle humor ao asunto e conta a súa experiencia durante os días de rodaxe e o que supuxo para el entrar en contacto coa xente do “Novo cinema galego”. E ata aquí podemos contar porque, doutro xeito, estariamos destripando a curta”

“Balada Cover” Dir. Belén Montero & Juan Lesta

Juan Lesta e Belén Montero fundaron en 1999 Esferobite, unha sólida estrutura artística, na que teñen amosado dabondo a súa mestría ao longo dunha frutífera traxectoria ateigada de premios e recoñecementos, tanto en España como no estranxeiro. Cun notábel dominio das técnicas da imaxe dixital, Juán e Belén adaptan libremente un poema de José María Gabriel e Galán escrito no San Sadurniño de 1889, inspirándose no universo que se agocha tras dos recunchos do río Xuvia. O filme é unha videopoesía que fusiona imaxes de arquivo, imaxes reais tratadas dixitalmente e o texto poético; unha peza que só pide ao espectador “deixarse levar” pola beleza misteriosa do río. “Balada cover” ademais, reflicte con ironía o ronsel da marquesa Natividad Quindós nas paisaxes contemporáneas de San Sadurniño.

“Ao Patadón” Dir. Xurxo Chirro

O crítico e historiador Xurxo Chirro acadou sona como un dos cineastas galegos mais sobranceiros dos últimos anos, con obras de referencia como Vikingland. O autor guardés amósase especialmente interesado pola recuperación da memoria social e colectiva, -tema moi presente en toda a súa obra-. En “Ao patadón” revive un dos espazos relembrados por moitos veciños e veciñas de San Sadurniño: o mítico campo de fútbol da Bidueda, inaugurado no ano 1946. A peza “foi ideada no mantel da Chanfaina e gravada no postre”, cunhas leves indicacións aos actores Icía e Jorge, na procura da nostalxia compartida. Do mesmo autor veremos proximamente outros dous filmes realizados para a Chanfaina’lab: “Cartas de Conquista” e “Teleclube”.

 

 

 

Compartir