Esquece Monelos (3)

Ángeles Huerta: “Son firme defensora da etiqueta cinema de non-ficción”

O vindeiro 14 de decembro celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a preestrea de “Esquece Monelos”, primeira longametraxe da nosa compañeira Ángeles Huerta. Unha metáfora sobre a memoria, sobre o visible e o agochado, e sobre as cousas que permanecen e as que esvaecen co tempo…

Esquece Monelos

Con que se vai atopar o espectador de “Esquece Monelos”?

Vaise atopar cunha película con diferentes capas e diferentes narracións. Está a historia do río, do desenvolvemento urbano da cidade, o discurso médico da dexeneración neuronal, a memoria particular dos habitantes do río…pero tamén hai unha voz moi clara que é a miña, que é a que vai fiando esas diferentes capas a través dun relato íntimo en primeira persoa. Polo que me chegou logo da pre-estrea no OUFF, o máis probable é que cada espectador conecte máis cun aspecto diferente da película, inda que comprenda o resto de niveis discursivos. Na presentación do OUFF, Fran Gayo dixo que esta era unha película “arrebatadora, porque va a bocajarro”. Encantaríame que se percibira como un filme fundamentalmente honesto e valente, a marxe de que guste máis ou menos.

Como xurdiu o proxecto?

O proxecto xurdiu nun momento de crise persoal moi forte. Eu estaba comezando a vivir a perda da memoria nun ser querido e alguén me falou dese río agochado baixo as rúas da Coruña. O río foi nun principio a metáfora perfecta para falar dese esvaecemento dos recordos e da miña anguria persoal fronte a ese tema, pero o certo que durante todo o traballo de facer o guión, rodar e montar a película, esa metáfora do esquecemento víuse en certa medida desprazada por outra: o río como segredo, como metáfora das mentiras que temos con nós mesmos, desas cousas que primeiro agochamos e logo esquecemos, pero que acaban por emerxer dunha maneira ou outra.

Esquece Monelos (3)

Como afrontas a túa primeira longametraxe e a diferencia de ton con respecto ós teus traballos anteriores?

O que máis se coñece da miña traxectoria anterior son traballos que teñen como común denominador o humor absurdo, pero tamén teño feito cousas non tan afastadas de temas e plantexamentos estéticos presentes en “Esquece Monelos” (estou pensando na miña peza para sobre o asentamento xitano da Pasaxe, por exemplo). Esta primeira longa responde a unha necesidade vital concreta e inaplazable, e o ton veu de seu. Por outra banda, a que negalo, é certo que sigo a sentir debilidade por un certo tipo de cinema (Moretti, por exemplo), e de feito na proposta que estou ultimando para esta última edición do “Chanfaina Lab” volvo, por dicilo dalgún xeito, ás andadas. Pero insisto que no caso de “Esquece Monelos” foi o ton, igual que o río, o que me escolleu a min.

Viches moita diferencia entre traballar na ficción e o traballo coa realidade?

Si e non. Hai toda unha parte que evidentemente muda moito, que ten que ver co traballo cos actores. Nunha proposta como esta tamén hai un guión, eu persoalmente tiña moi claro o que quería contar, pero tes que ser honesto e non podes forzar aos personaxes para que che digan o que ti queres escoitar, tes que ter cara a eles un respeto escrupuloso. Polo demáis, eu son firme defensora da etiqueta “cinema de non-ficción”. Aquí non hai actores profesionais pero hai unha narración e un punto de vista claro. Todo responde a unha estrutura planificada e radicalmente subxetiva, non hai a máis mínima pretensión de obxectividade, todo responde a un artefacto narrativo.

Resultou moi complicada a rodaxe?

A rodaxe tivo unha parte especialmente complicada, que foi a que tivo lugar no interior da rede de saneamento da Coruña. O río Monelos está hoxe convertido en sumidoiro prácticamente por enteiro. Foi moi complicado baixar o equipo técnico ao interior da cloaca e foi durísimo, dende o punto de vista físico, gravar alí. Nese sentido teño que agradecer a Jaime Pérez, director de fotografía, e Manu Maneiro, xefe de son, a súa incríble xenerosidade.

Como ves o panorama actual do noso cinema?

Vexo un panorama con moito talento, con éxitos innegables, e tamén con moitas dificultades para saír adiante. Segue sen callar esa visión do cinema como sector produtivo e dos cineastas como traballadores. Calquera apoio da administración -normal en calquera outra industria- percébese como prebenda ou esmola… E os apoios seguen sendo francamente mellorables, sobre todo se pretendemos considerar o cinema un sector estratéxico.

 

Compartir