Alvaro Gago e Xacio Baño

Álvaro Gago gaña o Premio CREA en Curtocircuito

A edición 2014 de Curtocircuito chegou ó seu final deixando a sensación de que a cita santiaguesa que dirixe o noso socio Pela del Álamo, está a convertirse, tanto por afluencia de público, como por solidez da súa programación e actividades paralelas, como un dos eventos de referencia no ámbito da curtametraxe a nivel estatal.

Premio CREA para Álvaro Gago

A asociación de directores e realizadores de Galicia, CREA, estivo presente a través dos seus socios en distintas seccións e actividades e volveu conceder, por segundo ano en Curtocircuito, o Premio CREA á Mellor Dirección Galega. Nesta ocasión, o xurado formado polos nosos socios Sonia Méndez, Daniel Viqueira e Xosé Antón Cascudo decidirón conceder o galardón a Álvaro Gago pola súa obra “Curricán”, unha peza intimista que explora no imaxinario da infancia ou como ben definía o seu autor na súa presentación, unha “especie de collage” de recordos e momentos vividos. Álvaro Gago é capaz de transportarnos ós ollos dun neno e amosarnos a súa relación coa vida e o entorno nun relato minimalista e fermoso.

Xacio Baño segue a colleitar éxitos con “Ser e Voltar”

Un dos grandes protagonistas da presente edición de Curtocircuito, foi o noso socio Xacio Baño que acadou dous galardóns, o Premio Planeta GZ á Mellor curtametraxe galega, e o Premio AGAG, concedido pola Asociación de Guionistas, ó mellor guión galego. Planeta GZ é unha nova aposta de Curtocircuito por aglutinar nunha sección unha selección das pezas galegas máis arriscadas e radicais e neste caso, o xurado composto por Margarita Ledo, Felipe Lage e Lois Patiño decidiron premiar a “Ser e Voltar”, un filme que reflexiona sobre o feito cinematográfico e como este é entendido por persoas alleas ó proceso de creación cinematográfica. Xacio Baño válese con mestría dos seus avós para contarnos, en esencia, en que consiste facer un filme e como se ve a un cineasta desde o outro lado da cámara. Unha magnífica proposta que ademáis destes dous galardóns consegiu o Premio do Xurado no Festival de Cans e que ven de participar no prestixioso Festival de Locarno.

Palmarés

O resto do palmarés completase cos premios a fita francesa “Traversées” gañadora na categoría Radar. “Substanz” fita alemana dirixida por Sebastian Mez fíxose co premio Explora mentres que a grega “Washingtonia” acadou o Premio do xurado xovén e a tamén alemana “Forever Over” acadou o premio do público.

Sobremesas con CREA co Observatorio do Audiovisual Galego

As sobremesas con CREA contaron durante dous días con membros do recén creado Observatorio Audiovisual de Galicia que serviron como primeira toma de contacto entre a Asociación de Directores e este novo organismo que ten como finalidade o estudo e mellora do sector audiovisual en Galicia. As actuais ordes de axudas públicas, a situación laboral ou o papel das televisións no desenvolvemento do sector son algúns dos temas que se trataron durante estas xornadas.

 

 

 

 

Compartir