Encontros pasados:

Esta semana tivemos a sorte de compartir un encontro cos amigos de AGAG – Asociación Galega de Guionistas e socios de CREA, ademais de profesionais da interpretación, creación musical e persoas interesadas no sector audiovisual.

O encontro CAÑA & CHARLA organizado conxuntamente polas dúas entidades celebrouse na Escola Unitaria en Santiago de Compostela, forma parte das actividades de formación do colectivo no que convidamos a realizadores/as e guionistas a compartir de xeito distendido as súas experiencias e reflexións.

A xornada contou coa presenza dos destacados realizador e guionista, Carlos Sedes e Eligio R. Montero, respectivamente. A conversa fiada polo presidente de CREA Jorge Coira xirou ao redor das relacións entre o guión e a realización a partir das experiencias destes brillantes traballadores.

As orixes no sector centraron a primeira parte da charla.

Eligio R. Montero lembrou os pasos inicios. “Eu comencei en produción, cando fun a Escola de Imaxe e Son. Deixei a carreira de psicoloxía. E foi en produción onde atopei o primeiro traballo. Pero sempre me gustaou contar historias. Empecei en documentais e fun aprendendo, ata ter a sorte de rematar en ficción en series coma Mareas Vivas ou Terras de Miranda. A través da xente que coñecín en produción, preguntáronme se me interesaba escribir guións. E claro os meus primeiros guions eran un desastre, pero cada vez foron mellores”.

Carlos Sedes continuou a conversa. “Antes había algo que se chamaba oficio. E cando comencei non existía nada en Galicia e eu formeime no CAI en Coruña. Tiven a sorte que daquela comezou algo que se chamou TVG. Alí entrei como axudantge de montaxe e teño que agradecer a Gerardo en entrar en VídeoVoz. Apunteime á ficción, primeiro na montaxe e logo na realización. Empecei facendo publicidade moi mala e barata. Para min realizar era unha cousa que facían os que viñan de Madrid. Comencei a realizar os últimos capítulos de Mareas Vivas. E Terra de Miranda foi a primeira serie que dirixín. Considérome que non estaba moi preparado, e con María Bouzas, aprendín moitísimo. Eu son en parte todo isto. Agora as cousas cambiaron. Os rapaces de 25 anos non poden realizar como eu”.

Unha vez contextualizadas as súas carreiras, Jorge Coira cumpriu a función de Cicerone para falar das relacións entre os guionistas e os realizadores.

Carlos Sedes: “Agora todo está xerarquizado e hai que saber quen manda. Pero seguimos falando das cousas que facemos”.

Eligio R. Montero: “Eu penso que está moi ben que o guionista vaia á lectura técnica co resto dos xefes de equipo. Moitas veces estos teñen as súas dúbidas, e as veces son de guión, e resultan moi interesantes.

Carlos: “Non me gusta ler as biblioas, primeiro leo os guións e despois as biblias. A min gústanme moito os castings. Na televisión unha das virtudes é a improvisación, e como o jazz. Non hai ningún guión pechado, nin dirección, e iso a min gústame. No cine non hai moita marxe para improvisar”.

Eligio: “En Gran Hotel había personaxes que non aparecían no guión. E cada vez que se veían e se movíanse funcionaba”.

Carlos: “Tamén pasou en Mareas Vivas, ao principio non estaban para Miguel nin Carlos pero os seus personaxes foron adquirindo máis importancia”.

Jorge Coira: “Agora hai unha tendencia a novas series pechadas, pero nas series máis longas hai moito de improvisación”.

Eligio: ”Iso suma, porque o equipo técnico tamén é espectador e vén o que funciona, e como evolucionan os personaxes”.

Carlos: “Non hai unha única maneira de traballar, hai moitas. Vai haber moitas formas de produción e os americanos venden moi barato as súas series. Eu agardo que ogalla sigan as televisións xeralistas que son as que máis compran. Ou outras canles para facer máis series. A miña primeira maneira de traballar era a multicámara e luz bañeira. E con As leis de Celavella, que en principio non ía ser, rematei facendo engandíndolle un valor dramático que para min foi un descubrimento”.

Eligio: Como guionista, na Vida por diante, na segunda tempada pasábanme moitas notas de guión. Era moi interesante escoitar a opinión sobre a serie de técnicos, actores…  Boto en falta o concepto de factoría de produción”.

Carlos: “Eu fixen programas de televisión como membro de equipo; axudante de cámara, operador, montador…”

Eligio: “Lembro o programa Os Tonechos eran moi divertido porque era unha retransmisión, unha ficción en directo. Tiñamos que facer un guión á semana”.

Jorge aproveitou a experiencia en Madrid destes destacados profesionais para reflexionar sobre os xeitos de produción con respecto ao noso país.

Carlos: “A gran diferencia entre Galicia e Madrid pode ser que na última hai industria. Hai moitos directores, e hai moitas notas da cadea, sobre o guión, dirección e todo o múndo está para que a produción continúe. Todos están para que mellore a produción”

Eligio: “Eu comencei a traballar desde aquí como dialoguista. E tentas facelo igual que aquí. Cando fun a Madrid descubrin que hai un proceso de escrita de guión máis longo e complexo”.

Carlos: “Hai moitas cousas laterais. Un bo guión pode non ser ben executado. Hai moitos directores que non lle gusta ler. Nós temos moito coidado na entrega do master. E tentamos que os produtos esten moi traballados”.

Eligio: “Está claro, neste negocio o que non suma, resta”.

———————————————

Carlos Sedes
Director de cine e TV
En cine: “El club de los incomprendidos”
En TV: “Velvet”, ” Gran Hotel”, “Imperium”, ” Gran Reserva”, “Hispania”, “Guante Blanco”, “Desaparecida”, ” Padre Casares”, “A vida por diante”, “As leis de Celavella”

Eligio R. Montero
Guionista
“Bajo sospecha”, ” Gran Hotel”, ” Gran Reserva”, “Hispania”, “Guante Blanco”, “Desaparecida”, ” Gondar” “U.C.O.”, ” Padre Casares”, “A vida por diante”, “As leis de Celavella”, ” Mareas Vivas”, “Pratos combinados”, ” Al salir de clase ”

Caña & Charla é unha actividade organizada por AGAG, coa colaboración de CREA, que o pasado día 8 de Xullo se celebrou por primeira vez na Escola Unitaria de Santiago de Compostela.

Desta primeira volta contamos coa presencia de Alfonso Zarauza (director e guionista) e Jaione Camborda (guionista), que falaron sobre as súas experiencias recentes; as longametraxes Encallados e  Os fenómenos.

Deixámosvos aquí unha peza feita pola xente de Unitaria sobre o que alí aconteceu:

CAÑA & CHARLA-HD from Fernando Lema on Vimeo.