café con CREA

café con  CREA, vermú con CREA, de palique con CREA…, son as distintas caras dunha mesma idea: facer encontros informais entre directores, nos que poidamos, simplemente, reunirnos e falar -iso si, acompañados dun café, un vermú ou o que faga falta-.

En colaboración con algúns dos festivais de cine que teñen lugar en Galicia, como Curtocircuito, Cans, S8 ou Carballo Interplay… organizamos encontros deste estilo centrados ás veces nun tema, ás veces nun director… e sempre co espírito de compartir experiencia e distintas formas de ver a nosa profesión.

ENCONTROS ANTERIORES…

de_palique_jesus_font

O sábado 7 de marzo, no pub Atlántico de Santiago de Compostela, tivemos unha sesión de palique cun dos directores máis prolíficos da televisión actual, Jesús Font.

Jesús Font é un dos actuais directores da serie “O Faro” que emite a Televisión de Galicia e no seu currículo conta cun bo feixe de títulos que van desde Tv movies como “Desátate” (2009), “Buscando al hombre perfecto” (2008) ou “El año que trafiqué con mujeres” (2005) a series de televisión como “Grand Nord” para TV3, ou outras para ámbito nacional como “MIR” ou “El Comisario“.

O encontro, ao que asistiron varios compañeiros e compañeiras de CREA, consistiu nunha charla na que, partindo da experiencia de Font, repasamos cuestión relativas ás condicións de produción en Madrid, Catluña e Galicia, falamos de como afrontar todo tipo de series desde o punto de vista da dirección, falamos de como evolucionara o entorno televisivo nos últimos vinte anos, falamos de actores, de técnicos, de guions, de historias, de rodaxes… foi, en definitiva, unha conversa informal na que os presentes compartimos ideas, experiencias e, sobre todo, disfrutamos dunha boa sesión de palique.

Os nosos cafés con CREA, fixéronse maiores.

Levabamos xa uns cantos cafés e algún que outro vermú en festivais como o S8, Cans, Curtocircuito ou o Carballo Interplay. Así que a ninguén lle sorprendeu que propuxésemos unhas cañas con CREA no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

O que non mudou foi o formato: atoparnos para falar do noso, para compartir experiencias, ideas e vicisitudes na distensión propia dunha conversa de bar.

De cañas con CREA no FICBUEU

Nesta ocasión o noso encontro tivo a particularidade de tomar como punto de partida as vivencias dalgúns dos directores estranxeiros convidados ao Festival. Partimos da curiosa sensación de presentar unha creación propia a milleiros de kilómetros de onde foi concibida para reflexionar sobre o que teñen ou non de universais as cousas que facemos.

Unha boa ocasión para compartir con directores doutras nacionalidades ata onde chegan as historias que imaxinamos e como de complexo é conseguir que percorran o seu camiño.

Estas cañas con CREA tiveron lugar o pasado sábado 13 de setembro, no Aturuxo Bar de Bueu, un dos epicentros do Festival.

Saúde e ata a próxima!

cañas_con_CREA_1

café con CREA no S8 (7 de xuño de 2014)

Un ano máis, no [S8] Festival de Cine Periférico da Coruña, celebrarase un novo café con CREA.

Con Eloy Domínguez Serén como director convidado, foi un lugar de encontro para charlar, debatir, opinar, escoitar… e por suposto, tomar café.

café con CREA en Cans

(23 de maio, 2014)

cafe-con-CREA_cans-247x300

Un encontro diferente. Nesta vez, nun galpón, concretamente no baixo de Moncho, e cun convidado de excepción: o actor e director Karra Elejalde.

Repasamos a súa carreira; as razóns que o levaron a deixar de dirixir; a relación entre actores e directores -e entre directores e produtores -; o que paga a pena deste oficio e o que o converte nun pesadelo…

Unha charla realmente divertida na que Karra tirou da súa honestidade brutal para compartir o mellor e o peor dunha das carreiras máis interesantes no cine actual.

vermú con CREA no InterPlay

(25 de abril, 2014)

VERMU con crea_03

O mundo das webseries. E en concreto, a dirección de webseries. Este foi o asunto principal deste vermú que reuniu a moitos dos principais directores de webseries, tanto a nivel galego como español.

Coa presenza de xente como Sonia Méndez, Pablo Cacheda de Paz, Jorge Cassinello, Enrique Lojo, Dani Villaverde, David Sáinz ou Teresa Segura entre outros moitos creadores, no encontro falouse das diferenzas entre a dirección de webseries e outros formatos audiovisuais, das peculiaridades dos formatos web e da propia rede, dos atrancos para a produción e a monetarización dos contidos…

Un encontro con xente nova con moito que contar.

cafés con CREA no Curtocircuito

(11, 12 e 13 de decembro, 2013)

Tres encontros en tres días consecutivos.

Na cafetería do CGAC en Santiago de Compostela, traráronse durante este tres días moitos dos temas que máis afectan aos novos realizadores na actualidade.

O mundo das curtametraxes e a súa presenza no mundo, o novo cine galego en todas as súas vertentes, as novas formas de contar, o mundo da crítica, a relación dos directores cos festivais cinematográficos, a ficción e a non-ficción… Un feixe de asuntos que espertaron o interese dun público heteroxéneo e plural.

Se queres ver unha reportaxe sobre estes cafés con CREA, feita por María Barro Guntín, pincha aquí.

de palique con… Juan Cruz

(13 de xullo, 2013)

Pois aproveitando a visita por estas terras deste insigne director -compañeiro habitual de José Corbacho con quen rodou Tapas (2005), Cobardes (2008) e Pelotas (2009)-, fixemos un encontro moi familiar no pub Atlántico en Santiago de Compostela.

Falamos de cine, de televisión e da vida en xeral mentres disfrutamos duns cafés e dunhas cervexas.

café con CREA no [S8]

(8 de xuño, 2013)

café con CREA_S8_peq

Un encontro pequeno (eran os inicios desta actividade) pero moi interesante. Coa presenza como convidados de dúas persoas alleas á dirección pero con moito que contar, como son Manolo González e Fernanda del Nido, neste café falouse de temas tan diversos somo a renovación do cine en Galicia ata o encanto das cámaras de vídeo caseiras que gravaban sobre cinta de casette de audio.

café con CREA en Cans

(24 de maio, 2013)

Foi o café inaugural.

Unha reunión de non máis de dez directores no bar de Moncho, que supuxo o primeiro intento de poñer en pé esta iniciativa. Sen convidados especiais, nin temas de conversa preestablecidos, foi un encontro informal no que se falou de cine, do festival de Cans e, sobre todo, da asociación CREA e das actividades que podería interesar levar a cabo no futuro.

E lamentablemente, non se nos ocorreu facer fotos para retratar aquel primeiro café… un pequeno café para cada un dos asistentes, pero un gran café para CREA.

café con CREA_S8_peq