Jorge Coira

A gran noite dos Goya

Non foi todo o boa que puido chegar a ser, pero a 30 edición dos Premios Goya, que como cada ano premia ó máis destacado do cinema español, estivo cargada de boas novas para o cinema galego e en particular para os nosos realizadores.

Dani de la Torre

Por primeira vez nos 30 anos de historia dos premios, 3 directores galegos chegaban á fase final dos mesmos en distintas categorías e con opcións claras para acadar a prezada estatuíña. Era o caso de Dani de la Torre, director de “El desconocido”, nomeado á Mellor dirección novel, Jorge Coira, Presidente de CREA e nomeado á Mellor Montaxe, e Juan Galiñanes quen non estaba nomeado directamente á dirección pero que participaba nos premios polo seu traballo en “Holy Night?” nomeada a Mellor longametraxe de animación. Finalmente sería o noso compañeiro Jorge Coira quen recollería o premio de mans de Carmen Machi e Julián López e adicaría estas emotivas palabras a moitos dos profesionais que fan cinema en Galicia e por extensión, a todo o cinema galego.

Premios Técnicos

Ó Premio á Mellor Montaxe acadado por Jorge Coira hai que sumarlle o Premio ó Mellor Son acadado por “El desconocido” e que contaba con David Machado entre os integrantes do equipo. Con ambos premios ráchase a tradición de que os Goya acadados polos profesionais galegos se concentraban fundamentalmente na Interpretación, a Animación e a Música, e supón un recoñecemento dos nosos profesionais noutras materias. Ambos premios, serven tamén para engrandecer a labor de Dani de la Torre quen, pese a non acadar o galardón á Mellor Dirección Novel, protagonizou sen dúbida un dos debuts cinematográficos máis potentes do cinema español dos últimos anos cun filme, “El desconocido”, estreado en Venecia, que conseguiu un enorme éxito en taquilla, e que se revelou nesta 30 edición dos premios Goya como un dos filmes tecnicamente máis destacables do ano 2015.

David Machado

Non puido ser…

A categoría de Mellor Longametraxe de Animación tivo un ano máis un marcado acento galego. Dous dos 3 filmes nomeados eran producións galegas, “Holy Night?” dirixida polo noso compañeiro Juan Galiñanes, e “Maimiño” producida por Ficción Producciones. Sen embargo o premio foi a parar a mans da favorita “Atrapa la bandera”. Este feito tampouco pode ensombrecer a gran traxectoria da Animación galega que ademáis de ter acadado varias estatuíñas na categoría de Longametraxe a través dos traballos de productoras como Dygra Films da man do noso socio Ángel de la Cruz, ou de Filmax, tamén consegiu nos últimos anos un bo feixe de nominacións na categoría de curtametraxes a través de nomes como o propio Juan Galiñanes, Juan Pablo Etcheverry ou máis recentemente Alberto Vázquez.

Quen tampouco puido acadar o Goya nesta ocasión foi o actor Luís Tosar nomeado na categoría de Mellor Actor protagonista polo seu traballo en “El desconocido”. Nesta ocasión o premio foi para Ricardo Darín polo seu papel en “Truman”.

Juan Galiñanes

Con todo, esta 30 edición dos Premios Goya, só pode resumirse por parte de CREA dunha maneira: Foi unha gran noite da que sentirnos orgullosos. Orgullosos dos nosos compañeiros. Orgullosos dos nosos directores. Orgullosos do noso cine.

FOTOS CEDIDAS POR ÁNGEL SUANZES.

Compartir