Premios MM

A Academia Galega do Audiovisual convoca unha asamblea aberta para debater sobre o futuro dos MM

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) acaba de convocar unha Asamblea Extraordinaria para tódolos académicos e aberta para todos aqueles profesionais do sector audiovisual que queiran acudir, con voz pero sen voto, para poñer sobre a mesa o futuro dos premios Mestre Mateo.
Os premios Mestre Mateo son o máximo galardón que concede cada ano AGA a producións e profesionais do sector. Despois de varios intentos de reformulación das bases cunha acollida irregular, a Academia decidiu abrir a súa Asamblea Extraordinaria e convidar a todos aqueles interesados, sexan ou non académicos, a que amosen o seu parecer dentro da propia Asamblea, buscando así unha maior integración entre a Academia e o sector.

A Asamblea está convocada para o vindeiro sábado 22 de Novembro na sede da SGAE en Compostela. Hai dous horarios de convocatoria 10:00 e 10:30 da mañá e a orde do día será a seguinte:

  1. Debate sobre as reformas propostas, modelos de premios, etc.
  2. Votación sobre a reintegración da categoría de “dirección de produción” nos Premios Mestre Mateo.
  3. Votación sobre a reintegración das categorías de curtametraxe, webserie, videoclip e anuncio publicitario nos Premios Mestre Mateo.
  4. Rogos e preguntas.

Asimesmo, para todos aqueles que non poidan acudir á Asamblea pero queiran deixar constancia das súas suxestións, pódeno facer escribindo ó enderezo de correo que hai habilitado para tal fin: info@academiagalegadoaudiovisual.com

 

Compartir