“9 Olas, detrás de técnica” O fluxo de traballo no cine dixital por Jairo Iglesias


Nos últimos 10-15 anos o mundo da produción audiovisual mudou radicalmente coa chegada de novas tecnoloxías que  “democratizaron” os custes de produción.
Moitos de nós lembramos o abráiante que resultou comprobar que co DV era posible ter un equipo completo de gravación e edición nunha mochila e ¡¡por menos de 3.000€!!. E isto foi só o principio, logo chegou o HDV, as Red, as DSLR, BlackMagic, a baixada de prezos do software, e a historia non parece que estea cerca de rematar nin moito menos.
A filosofía de traballo tamén mudou moito e a costume, afortunadamente xa desfasada, de non compartir os nosos coñecementos co resto de compañeiros pasou á historia, quedando demostrado que  o feito de difundir e espallar o noso coñecemento revirte en beneficios a medio ou longo prazo.
O compañeiro Jairo Iglesias parece ter moi claro este concepto, e desde a súa produtora PixelFilms sacaron recentemente un documento onde contan polo miudo o proceso de produción técnica da longa 9 Olas.
Neste documento dispoñible totalmente de balde en formato PDF e para iPad  Jairo e os seus compañeiros contan paso a paso como resolveron todos os aspectos técnicos: a preprodución, o deseño de iluminación, o equipo utilizado, os métodos de traballo, a posproducción, a etalonaxe, a corrección de cor, ou masterización e un longo etcétera son abordados en detalle.
Se te interesa coñecer máis sobre os aspectos técnicos e o fluxo de traballo no cine dixital non debes perderte esta publicación dispoñible na web de Pixelfilms.

Compartir