documentales

5×5 Docs: Sandra Sánchez vs Marcos Nine

O 5×5 detense do mundo da non-ficción con títulos escollidos por Sandra Sánchez e Marcos Nine. Aquí vos deixamos o 5×5 Docs.

Sandra Sánchez: Salesman (1968) Albert y David Maysles y Charlotte Zwerin
Encántame esta película. É a outra cara do soño americano e a crónica dun fracaso. Un documental filmado ó estilo do cine directo, pero montado cunha clara intencionalidade narrativa e cunha estructura dramática.

Marcos Nine: Man with a movie camera (1929) Dziga Vertov
É como a Biblia. É visualmente poderosa, cunha montaxe maxistral e narrativamente anticípase moitas décadas a todo. É algo así como “A Gran Obra”.

Sandra Sánchez: El desencanto (1976) Jaime Chávarri
A familia Panero aberta en canal. A descomposición desa familia burguesa do franquismo parece sinalar o fin dunha época. Creo que nunca vira tan expostas e de xeito tan feroz as íntimas traizóns familiares.

Marcos Nine: The filth and the fury (2000) Julien Temple
Sempre me interesou moito esta peli por como usa o contexto para entender ás personaxes. É máis que unha peli sobre os Sex Pistols é unha peli sobre unha época e normalmente estas cousas non se ven nos docus musicais.

Sandra Sánchez: El sol del membrillo (1992) Víctor Erice
O pintor que quere deter o tempo e o cineasta que quere filmar o paso do tempo. Dous talentos irrepetibles xuntos nunha película. Para mín foi unha revelación.

Marcos Nine: Canciones para después de una guerra (1976) Basilio Martín Patino
Para min resultou unha peli reveladora en canto a como alguén consegue armar o seu discurso a partir do preexistente. É destas pelis que polo traballo e polo que significan resultaron importantes na miña vida.

Sandra Sánchez: Les glaneurs et la glaneuse (Los espigadores y la espigadora 2000) Agnés Varda
Unha marabilla esta peli. A espigadora Vardá viaxa, busca e recolecta imaxes e testimonios, facendo unha denuncia social con absoluta subxectividade. Fílmase a sí mesma, párase a reflexionar, toma notas. Esa mestura de lirismo e realismo é brillante.

Marcos Nine: Harlan County U.S. (1976) Barbara Kopple
É unha peli demoledora. Un exercicio de valentía extrema e do fascinante que pode ser o Direct Cinema actualmente bastante deteriorado pola frivolización que supoñen algúns formatos televisivos. Con tódolos conflictos sociais que existen na actualidade é triste que non se fagan filmes como este.

Sandra Sánchez: Grizzly Man (2005) Werner Herzog
Un personaxe tan sorprendente que moitos pensaron que era un falso documental. Herzog parte dun material xa existente, aportando a súa propia mirada poética e un pouco sobreactuada, igual que a actuación de Timothy Treadwell ante a cámara.

Marcos Nine: Sans Soleil (1983) Chris Marker
Remato con esta porque admiro profundamente a Chris Marker. Intelectualmente penso que é brillante pero sobre todo libre. E admiro o seu traballo porque é alguén capaz de transformar en cine calquera cousa que lle pase por diante. Non sei se cando Chris Marker pisou Xapón tiña na cabeza que ía facer Sans Soleil, o máis probable é que non, pero o grande que ten Chris Marker é que calquera imaxe que el capture é susceptible de ser o xerme dunha peli.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Compartir