LOGO_CREA_sen_texto 300 transparente

2014 con CREA

O ano 2014 estivo cheo de boas novas para os directores e realizadores de CREA. O 2014 foi un ano de enorme crecemento en CREA que camiña paseniñamente cara os 100 directores e realizadores asociados. Ademáis do noso crecemento compre sinalar os éxitos colleitados cos nosos socios cos seus traballos durante este ano 2014, un ano no cal, pese a tódalas dificultades económicas, os directores galegos volveron a demostrar a súa gran profesionalidade e o seu oficio. Sirva esta nova, na que resumimos o acontecido ó longo do ano como mostra e como homenaxe ós nosos profesionais, orgullo e motivo polo cal existe esta asociación.

Xaneiro

Comezamos o ano estreando convenio de colaboración coa Fundación Tic de Lugo, gracias ó cal distintos profesionais asociados en CREA realizaron Masterclases, Obradoiros e Titorías de proxectos. Tras a primiera aula sobre realización de curtametraxes impartida por Xacio Baño en 2013, chegaba a segunda impartida pola nosa compañeira Susana Sotelo sobre a realización de Docushows a raíz da súa experiencia no programa Criaturas da Televisión de Galicia. A Susana seguírona outros compañeiros como Juan Lesta, Belén Montero, Juan Galiñanes, Ángel de la Cruz, Héctor Carré, Jorge Coira, Ricardo Llovo, Giselle Llanio, Pela del Álamo, Marta Piñeiro ou Sonia Méndez, entre outros.
Ese mesmo mes, iniciábase na Illa de Arousa a programación regular do Cineclube da Illa de Arousa que comezaría coa proxección dun filme dirixido por un dos nosos socios, “O Apóstolo” de Fernando Cortizo que durante o ano 2014 seguíu a circular pola nosa xeografía ó tempo que seguía colleitando galardóns en Festivais alén das nosas fronteiras.

Febreiro e Marzo

Pese a seren dous meses de baixa actividade coñecíamos a posta en marcha dun novo Festival galego, o Carballo Interplay dirixido pola nosa socia Sonia Méndez. E convertíase no primiero festival de webseries que se celebraba no estado. Na primeira edición contaron, ademáis dos participantes, coa presencia de David Sáinz e Teresa Segura de Diffferent Entertainment, director e guionista e directora de produción respectivamente da webserie de éxito nacional Malviviendo. E de Xullo Garma, creador da recoñecida serie de animación Freaklances e impulsor do proxecto de distribución de webseries Freaklances Project.
Ademáis coñecemos o listado de nomeados ós premios Mestre Mateo que organiza cada ano a Academia Galega do Audiovisual e entre os que se atoparon varios dos nosos socios na categoría de Mellor Dirección: Alfonso Zarauza, por “Encallados”;Carlos Sedes, por “Gran Hotel”; Jorge Coira, por “Luci”.

Abril

Os premios Mestre Mateo deixaron uns cantos premios para os nosos socios. Toño López acadou o premio ó Mellor Realizador polo seu traballo en “Galegos no mundo”. Juan Galiñanes acadou o Premio á Mellor curtametraxe por “3-1=0″ que serviría de preludio ó importante percorrido que tería este traballo ó longo de todo 2014. E Alfonso Zarauza convertíase nun dos triunfadores da noite, xa que “Encallados” recibía 3 galardóns: Mellor filme para TV, Mellor Fotografía e Mellor Montaxe.

Maio

O CGAI proxectaba as obras finalistas dos premios Mestre Mateo onde ademáis das xa mencionadas aparecían outros títulos dirixidos polos nosos socios como é o caso de “Inevitable”. O filme dirixido polo noso compañeiro Jorge Algora que chegaría ás salas uns meses máis tarde e que contaba cun extraordinario elenco de actores, Federico Lupi, Mabel Rivera e Dario Grandinetti.
Tamén chegaba a XI edición do Festival de Cans, onde se podía ver o filme “Os fenómenos” de Alfonso Zarauza e un screening test de “Querida Gina” de Susana Sotelo. Ademáis, esta XI edición do festival porriñés non podía ser máis positiva para CREA. Non só celebrábamos unha nova edición dos Cafés con CREA acompañados polo actor Karra Elejalde de actualidade pola súa participación no filme máis taquilleiro do cinema español “8 apellidos vascos” así como no filme galego “A Esmorga” senon que ademáis 4 dos nosos socios saían de Cans con premio. Juan Galiñanes recibía un novo galardón por “3-1=0″, Daniel Viqueira e Omar Rabuñal acadarían o Premio CREA á Mellor dirección polo seu traballo en “Koan” e outro dos premiados, o noso compañeiro Xacio Baño presentaba unha das curtas de maior repercusión no presente ano, “Ser e Voltar”. Podedes consultar aquí o palmarés.
De igual maneira varios dos realizadores de CREA sumábanse ás celebracións do Día das Letras Galegas realizando pequenas pezas curtas agrupadas no chamado Proxecto Nimbos que serviu para homenaxear a Xosé María Díaz Castro.

Xuño

A tempada de Festivais proseguía coa V Edición da Mostra de Cinema Periférico (S8) e a III Edición do Primavera do Cine de Vigo. Durante a (S8) puidemos falar, nunha nova xornada de Cafés con CREA, co cineasta Eloy Domínguez Serén sobre a figura do traballador audiovisual. Mentres que no Primavera volveron atoparse 2 dos nosos socios, trátase de Juan Galiñanes que proseguía a súa xeira por festivais con “3-1=0″ e Xosé Abad que presentaba na cita viguesa a súa longametraxe documental “A pegada dos avós”.
O mes me xuño serviu tamén para evidenciar o bo momento das webseries galegas tras a celebración do I FEW e das seleccións do Festival de Girona no cal estivo a competición as “Clases de lo social” do noso socio Pablo Cacheda.
Tamén foi o mes no que Isaki Lacuesta visitou AulaCrea e tivemos o luxo de contar cunha das súas masterclases.
Coñecíamos a gran nova de que o noso socio Iñaki López recibía unha mención especial no prestixioso Prix Ars Electrónica polo seu traballo en “Montenoso” na categoría de comunidades dixitais. E o noso compañeiro Edu Lavandeira presentaba unha curtametraxe inspirada nunha obra de Banksy.
Igualmente, xuño era o mes no que en Cangas se facía un primeiro pase de “Yo decido: El tren de la libertad” e no que celebrábamos o 30 aniversario da Federación de Cinaclubes de Galicia.

Xullo

No mes de xullo sucedéronse as celebracións e as grandes novas. O CeMac celebraba a efeméride da estrea comercial de tres filmes pioneiros na industria galega, “Continental” do noso socio Xavier Villaverde, “Urxa” e “Sempre Xonxa” baixo o titulo “Vintecinco anos de presente”, pero a gran nova chegaba desde terras suizas cando coñecíamos que a curtametraxe “Ser e Voltar” do noso compañeiro Xacio Baño acababa de ser seleccionada para participar no Festival de Locarno.
Á súa vez, Xavier Bermúdez acaba o Premio Love is Folly en Varna co seu filme “O Ouro do tempo” que chegaría a salas comerciais pouco tempo despois, o 1 de agosto.
Desde Agadic anunciábanse as novidades das liñas de apoio ó audiovisual que verían a luz no seguinte mes. Producíase a estrea simultanea en toda España do filme “Yo decido: El tren de la libertad” porducido pola asociación de mulleres cineastas Cima contra a reforma da Lei do Aborto e no que participaron compañeiras de CREA como Manane Rodríguez e Sonia Méndez. E a (S8) acollía o II Encontro para a creación dun arquivo doméstico.

Agosto

As boas novas continuaron en agosto onde coñecíamos que ademáis de Xacio Baño, outros 2 dos nosos socios participarían en Festivais de Clase A, Alfonso Zarauza e Alex Sampayo quenes respectivamente levarían “Os Fenómenos” e “Schimbare” ó Festival de Montreal. Exitos que continuarían con Fernando Cortizo quen conseguiría o Premio á Melhor Longametragem no Anima Mundi de Río gracias a “O Apostolo”. Premios que proseguerían nas Xociviga onde Marcos Nine acadaría o Premio á mellor curtametraxe en 5 minutos con “Imaxinario infantil” ou en Festivais de nova creación como o Fancine de Lemos onde o noso socio Samuel Lema resultaría premiado polo seu traballo en “La carne cruda”.

Setembro

E seguiron os premios en Setembro, esta vez no FARCUME onde Juan Galiñanes recibía o premio ó Mellor Videoclip por “Garden’s Road” codirixido por Olga Osorio. Mentres que DSK (Belén Montero e Juan Lesta) recibían unha mención no mesmo festival por “Cianuro Disco Funk”. Tamén foi o mes no cal un bo feixe dos nosos realizadores se deron cita no I Chanfaina lab do cal poderemos ver en xaneiro de 2015 os seus resultados. Estivemos “De cañas con CREA” no Fic Bueu onde disfrutamos dunha programación de primeiro nivel internacional. E volvemos contar cun mes plagado de seleccións e premios entre os nosos socios.
Noutro ámbito, AulaCrea trouxonos a Lidia Mosquera, quen impartiu un interesante seminario sobre Branded Content.

Outubro

O mes de outubro estivo protagonizado por Curtocircuito, o festival internacional de curtametraxes de Santiago de Compostela que dirixe o noso socio Pela del Álamo e que contou cunha programación de luxo na que coincidiron varios directores de CREA. Na súa edición 2014, Xacio Baño fíxose co premio á mellor curtametraxe da sección galega Planeta Gz co seu “Ser e Voltar”. O premio CREA foi a parar a mans de Álvaro Gago pola súa curtametraxe “Curricán”. Noutro festival galego, Freakemacine, tres dos nosos compañeiros competían polo percebe mutante. Tratábase de Samuel Lema con “La Carne Cruda” e Omar Rabuñal e Daniel Viqueira con “Koan”, finalmente os segundos conseguiron facerse co galardón.
Outubro serviu tamén para que visen a luz dúas novas producións dos nosos socios, tratouse da curtametraxe “Disney” dirixida por Jorge Saavedra e“Kuti Khanti” do noso socio Simone Saibene que a estreou na 10ª edición do Internacional Free Spirit Film Festival en McLeod Ganj.
Tamén continuamos cos seminarios de AulaCrea, esta vez sobre Técnicas de Pitching impartido por Paco Rodríguez.

Novembro

Novembro foi o mes onde celebramos un dos grandes eventos de CREA, o Conecta que volveu poñer en contacto a guionistas e directores coa finalidade de sacar proxectos adiante. No panorama de Festivais a actualidade estivo marcada por Cineuropa que volveu servir como punto de encontro da produción galega. Fernando Cortizo e Marcos Nine resultaron premiados na XI Edición do Bragacine. O mesmo que Xacio Baño que recibiu 2 novos galardóns para “Ser e Voltar” está vez no L’Alternativa. Javi Camino protagonizou unha sesión de Vía Cinema na Casa Tomada. E Xes García estreou o seu documental “A memoria das Abeledas“.
Ademáis coñecemos a oferta formativa do Carballo Interplay a través do Formacip.

Decembro

A actualidade do mes estivo marcada pola exposición e o ciclo que conmemoran o 25 aniversario da estrea de “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental” e polos bos desexos, os que desde CREA vos mandamos a todas e todos os que seguides a actualidade do noso audiovisual, agardando que o ano que ven sexa, se cabe, mellor ca este. A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia deséxavos unhas felices festas e ogallá os éxitos dos nosos autores se multipiquen no ano 2015.

 

 

 

 

Compartir